A Deputación da Coruña construirá un parque na finca do sanatorio de Cesuras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaProvincias
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asinou esta tarde co alcalde de Cesuras, Julián Lucas, o protocolo de intencións que rexerá a construción do parque forestal do sanatorio de Cesuras.  

A achega provincial para esta actuación será de 50.000 euros, o 100% do orzamento previsto, e inclúe todo o relacionado coa restauración da finca do sanatorio, así como as talas fitosanitarias e os tratamentos silvícolas que sexan necesarios para a recuperación das especies do parque.  

Segundo explicou Diego Calvo, esta colaboración forma parte da batería de convenios acordados entre a Deputación e os concellos de Oza e Cesuras para “mellorar a calidade de vida dos veciños de dous municipios que apostaron claramente pola súa fusión para garantir a súa permanencia”. Diante do alcalde de Oza dos Ríos, Pablo González, que tamén asistiu ao acto da firma, o presidente provincial matizou: “Seguimos a facer discriminación positiva con estes dous concellos, e seguiremos a facelo tamén no futuro”. 

Pola súa banda, Julián Lucas agradeceu a colaboración da Deputación nesta obra, porque, segundo explicou, é o primeiro paso de cara á recuperación da finca do sanitario.

19 de marzo de 2013 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.