A Coruña súmase mañá á Hora do Planeta 2013
A Concellaría de Medio informa de que mañá, sábado 23 de marzo, A Coruña se suma á Hora do Planeta 2013, unha iniciativa que desenvolve WWF a nivel mundial para concienciar sobre a necesidade de evitar o cambio climático. Entre as 20.30 e as 21.30 horas, apagaranse as luces da fachada da Torre de Hércules, a praza e o Pazo Municipal de María Pita, a Casa do Home e a cúpula do monte de San Pedro.
O Concello da Coruña únese a esta acción coa que se quere demostrar que entre todos se pode loitar contra o cambio climático. A Hora do Planeta pretende implicar máis de mil millóns de persoas e mobilizar 6.000 cidades do mundo para demostrar o apoio global á acción contra o cambio climático apagando as luces dos seus principais edificios e monumentos.
A Coruña adhírese a esta iniciativa para recordar que toda a cidadanía pode ir da man para evitar que o planeta aumente a súa temperatura ata un punto que se produzan danos irreversibles para a natureza, a economía e a saúde de todos. Ademais de apagar as luces da fachada da Torre de Hércules (salvo a lanterna do faro), a praza e o Pazo Municipal de María Pita, a Casa do Home e a cúpula do monte de San Pedro entre as 20.30 e as 21.30 horas, o Concello difundirá a Hora do Planeta a través das redes sociais.
Na praza de María Pita, acenderase un conxunto de velas formando o lema 60 +, de 6 x 5 metros, máis grande que o do ano pasado e con velas con protección para o vento. O Concello da Coruña tamén iluminará con velas os locais de hostalaría de María Pita e realizará actividades para os nenos que acudan, como o pintado de dous pequenos murais co 60 + e outro co oso panda de WWF.











