A Coruña mellorará a iluminación da travesía de Newton e a rolda de Camilo José Cela
O Concello da Coruña saca a concurso dous novos proxectos enmarcados dentro do seu plan de instalación e mellora da iluminación pública. En concreto, trátase da reposición de luminarias na travesía de Newton e a rolda de Camilo José Cela, cun presuposto total de licitación de 57.351 euros.
A Concellaría de Infraestruturas licita as obras da travesía de Newton, no polígono industrial da Grela, por un importe de 16.632 euros, e que consistirán na reposición de liñas, báculos e luminarias. No caso da rolda de Camilo José Cela, o presuposto alcanza os 40.719 euros nunhas obras que permitirán a implantación de novos equipos de iluminación exterior para alcanzar unha iluminación máis eficiente.
A principios deste mes, o Concello da Coruña xa informou da licitación das obras de instalación e mellora da iluminación pública na avenida de Salvador de Madariaga e na área de xogos infantís do Campo de Marte, cun investimento final por parte da Concellaría de Infraestruturas que supera os 26.600 euros. O departamento municipal que dirixe Martín Fernández Prado destina 12.741,67 euros para a implantación de iluminación pública na avenida de Salvador de Madariaga, mentres que reserva 13.900,79 euros para lograr unha maior eficiencia na iluminación da zona de xogos do Campo de Marte, en Monte Alto.
A todos estes proxectos de Infraestructuras, súmanse outras iniciativas do Goberno local, como a revisión e adopción de medidas correctoras para a modernización, instalación de equipos e sistemas de telexestión nos centros de mando da rede de iluminación pública da cidade. Neste sentido, a Xunta de Goberno Local xa aprobou o desenvolvemento deste plan de eficiencia enerxética, cun investimento de 1,64 millóns de euros, un prazo de execución de 6 meses e que supón ás arcas municipais un aforro anual de polo menos 282.000 euros.











