A Coruña informa de tres cortes de tráfico e a posta en marcha dun novo paso de peóns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Tráfico e Mobilidade, informa de tres cortes de tráfico que se van realizar a partir do próximo luns, 18 de marzo, e dun novo paso de peóns na Costa da Palloza.

Dende o luns 18 de marzo ás 9.30 horas e ata o 27 de marzo, córtase o tráfico na avenida de Joaquín Planells en ambos os dous sentidos debido ás obras de canalización da rede de Unión Fenosa baixo o viaduto de ADIF. O tráfico desviarase pola rúa Branco White-Salgado Torres en sentido Glorieta Eduardo Diz e pola Avenida de Arteixo en sentido Rolda de Outeiro-Estación de Tren. Permitirase o acceso aos garaxes a través do vial da gasolineira.

A partir do luns 18 ás 10.30 horas, e durante tres semanas, córtase o carril dereito da Terceira Rolda en dirección ao Centro Comercial Marineda City á altura da glorieta de San pedro de Visma con motivo das obras de retaluzado na marxe dereita.

O luns 18 ás 9.30 horas comeza un corte de tráfico na avenida de Monelos que se prolongará ata o 5 de abril. Afectará á circulación de vehículos no carril dereito sentido saída da cidade entre o número 129 ata o acceso á subestación de Eirís á altura do número 211, polo que haberá semáforos as 24 horas regulando o tráfico alternativo.

Ademais, a Concellaría de Tráfico informa de que, dende onte venres, se puxo en funcionamento un novo paso de peóns semaforizado na Costa da Palloza-Escalinata de Santa Lucía. Xunto coas obras realizadas pola Área de Infraestruturas de renovación de beirarrúas na zona, esta semaforización na Costa da Palloza-Escalinata de Santa Lucía vai dirixida a aumentar a seguridade e fluidez do tránsito peonil e do tráfico de vehículos, xa que é un importante lugar de conexión do tránsito peonil entre a Avenida Fernández Latorre-Santa Lucía e a rúa Concepción Areal-ámbito antiga Fábrica de Tabacos. Ademais, nesta mesma zona, na rúa Concepción Areal, pintáronse 5 prazas de discapacitados e de zona de carga e descarga.

18 de marzo de 2013 | 12:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.