A Coruña destina 5 millóns de euros á modernización de espazos públicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+
Xunta de Goberno

Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno Local autorizou esta mañá a solicitude dun préstamo de 11,45 millóns de euros, recollido no presuposto municipal de 2013, para o financiamento de obras executadas por diferentes departamentos do Concello e que mellorarán a imaxe dos espazos públicos da cidade.

O Concello reforzará o seu compromiso co plan de recuperación e modernización de espazos públicos da Coruña cun investimento que supera os 4,9 millóns de euros e que se recolle neste crédito, onde destacan proxectos estratéxicos como a construción do vial subterráneo do Parrote, que permitirá liberar do centro 40.000 vehículos diarios e recuperar 52.000 metros cadrados para uso e desfrute dos cidadáns. O Concello, tal e como é habitual todos os anos e tal e como aparece recollido no presuposto vixente, solicitará este préstamo para a execución de novos investimentos, sen que este acordo implique un aumento da débeda municipal ao final do exercicio.

 

PROXECTOS

 

 

PRESUPOSTO

(€)

Reposición de pavimentos en vías públicas

1.150.835,78

Convenio para vial subterráneo do Parrote

1.000.000

Plan de mellora de alumeado en vías públicas

700.000

Plan de mellora na movilidade do tráfico rodado

595.344,90

Plan de modernización de prazas e vías públicas

553.401,47

Plan de mellora de accesibilidade en vías públicas

500.000

Mellora da rede de saneamento

350.000

Plan de cubertas en espazos e vías públicas

75.000

TOTAL

4.942.582,15

Estes oito proxectos do plan de recuperación e modernización de espazos públicos forman parte dun ambicioso programa de actuacións que terán continuidade nos próximos anos. Aos preto de 5 millóns de euros recollidos no préstamo para estas actuacións, súmanse outros proxectos comprometidos por este equipo de goberno para impulsar as novas tecnoloxías, a protección do patrimonio, o fomento do deporte base e a mellora da calidade de vida dos veciños a través de programas sociais:

– Achega municipal ao convenio co Ministerio de Ciencia e Innovación e Emalcsa para Smart Coruña (700.000 euros).
– Primeira fase do plan director de murallas (400.000 euros).
– Equipamento do centro Boandanza dentro do proxecto Urbana C (235.000 euros).
– Construción de dúas pistas polideportivas (270.429 euros).
– Rehabilitación da cuberta do estadio de Riazor (250.000 euros).
– Obras de reparación da estación de autobuses (287.963 euros) e do tranvía turístico (275.000 euros).

O préstamo, que conta co visto e prace da Xunta e dos servizos económicos e xurídicos municipais, terá un período de carencia de dous anos e de dez para a súa amortización. No crédito inclúese unha partida de 2.474.523 euros para resolucións e sentenzas, sobre todo por asuntos urbanísticos vinculados á xestión realizada polos gobernos socialistas durante 28 anos. Esta cantidade, que supón o 21,6% do importe final deste crédito, xa estaba prevista no presuposto municipal de 2013 e, polo tanto, se enmarca dentro dunha partida xenérica de 4,6 millóns de euros para o pagamento de indemnizacións, o que permitirá cumprir sentenzas xudiciais por erros urbanísticos cometidos polo PSOE durante a súa etapa de goberno en solitario e en coalición co BNG.

NOMEAMENTOS
A Xunta de Goberno Local, na sesión extraordinaria de hoxe, tamén aprobou o nomeamento de Francisco Javier Mato Fariña e de Pablo José Vázquez Muñiz como novos directores de Asesoría Xurídica e de Planificación e Administración Electrónica, respectivamente, substituíndo nos cargos a Alfonso García Magariños e a José Manuel Peña Penabad, os cales solicitaron o seu cesamento.

Francisco Javier Mato Fariña e Pablo José Vázquez Muñiz contan cunha ampla experiencia, posto que o primeiro xa forma parte do equipo da Asesoría Xurídica Municipal e o segundo traballou durante dez anos na empresa Oesia Networks, unha consultora multinacional especializada en tecnoloxía. O Concello agradece tanto a Alfonso García Magariños coma a José Manuel Peña Penabad o seu traballo e dedicación no desempeño das súas funcións.

 

15 de marzo de 2013 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.