A Coruña convoca os rexedores de Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros para axilizar a EDAR de Bens

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+

O Concello da Coruña informa de que convocou de xeito urxente aos rexedores de Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros (Carlos Calvelo, Manuel Rivas, Julio Sacristán e Anxo García Seoane, respectivamente) para celebrar unha reunión o próximo martes, 5 de marzo, co fin de axilizar a xestión mancomunada da EDAR de Bens. A este encontro tamén se invitará os secretarios municipais dos distintos concellos co obxectivo de solucionar as distintas cuestións xurídicas pendentes.

O Concello coruñés, desta forma, expresa o seu desexo de que, a través do diálogo, colaboración e entendemento se avance nos asuntos administrativos pendentes co fin de axilizar un proxecto prioritario para o conxunto dos cidadáns dos cinco municipios implicados e polo que os veciños non poden seguir esperando.

A EDAR de Bens é unha infraestrutura que converte á bisbarra en referente ambiental e que ten como obxecto mellorar a calidade de vida e a prestación dos servizos que se ofrecen aos cidadáns. Trátase dun proxecto fundamental para garantir a sostibilidade ambiental da cidade e a bisbarra. Custou case 130 millóns -financiados nun 85% pola Unión Europea, a través dos Fondos de Cohesión, e o 15% restante pola Xunta-, cunha superficie construída que supera os 60.000 metros cadrados. A depuradora está preparada para o tratamento das augas residuais de 450.000 habitantes, aínda que se pode aumentar a súa capacidade e dar servizo a 600.000 persoas.

1 de marzo de 2013 | 15:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.