A Coruña amplía o programa de bolsas de comedor a Bacharelato e Formación Profesional
O concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, informou esta mañá que o programa de bolsas comedor para o próximo curso 2013-2014 contará cun presuposto de 475.000 euros. A principal novidade é que poderán optar ás axudas todos os alumnos do ciclo educativo, pois se amplía os estudantes de Bacharelato e de Formación Profesional. O responsable municipal destacou que o acordo, aprobado na Xunta de Goberno Local do pasado venres, demostra o compromiso do Concello cos que máis o necesitan e coas políticas que favorecen a conciliación da vida familiar e laboral.
O Concello destina 475.000 euros para o programa de bolsas comedor para o curso 2013-2014. En concreto, apróbase un crédito de 190.000 euros para este ano (de setembro a decembro) e comprométese a autorizar un investimento de 285.000 euros para 2014 (de xaneiro a xuño). Realizamos un esforzo importante nos dous últimos anos, xa que para o curso actual e para o próximo, o investimento no programa de bolsas comedor aumentou en 250.000 euros con respecto a 2011-2012, máis do dobre que na previsión que deixou feita o bipartito”, afirmou Lorenzo, quen ademais destacou que o presuposto se ampliará sempre que sexa necesario para atender a demanda das familias que cumpren os requisitos para optar ás axudas e así evitar que exista lista de espera.
O responsable de Servizos Sociais explicou que esta convocatoria pública de prazas nos comedores escolares conta con dúas grandes novidades con respecto a edicións anteriores:
1. A simplificación da documentación requirida, o que facilita ás familias a tramitación das solicitudes.
2. A ampliación das unidades familiares que poden optar ás bolsas comedor. Ademais das familias con menores ao seu cargo en segundo ciclo de Educación Infantil (de 3 a 5 anos) e en idade escolar obrigatoria (de 6 a 16 anos), para o próximo curso tamén poden solicitar axudas as familias con menores que vaian estudar Bacharelato e ciclos de grao medio de Formación Profesional.
Este programa municipal diríxese a menores con domicilio na Coruña e que cursen os seus estudos en centros públicos ou concertados con servizo de comedor e cuxas familias non superen a renda per cápita máxima de 4.153,58 euros anuais. As axudas de bolsas comedor da área de Servizos Sociais cumpren ademais un triplo obxectivo:
1. Potenciar un réxime alimentario axeitado e unha dieta equilibrada entre os nenos.
2. Favorecer a conciliación da vida familiar, laboral e social.
3. Presta apoio ás familias con menores que teñan imposibilidade ou dificultade para atendelos ao mediodía. Neste sentido, poderase optar fóra de prazo a estas axudas municipais cando se produza o traslado do alumno dende un centro educativo doutro municipio, en situacións de violencia doméstica ou cando existen cambios graves na situación sociofamiliar.
Miguel Lorenzo tamén informou de que se establecen dous tipos de bolsas atendendo ás circunstancias de cada familia:
– Nas bolsas de ata 75 euros, o beneficiario pagará a diferenza se o comedor custa máis e aboará o 10% no caso de que o servizo non alcance os 75 euros.
– Nas bolsas de 98 euros, dirixidas ás familias con menos recursos, o Concello aboa a integridade da axuda e só a familia paga a diferenza se o servizo de comedor supera este importe.
Para certificar o cumprimento do servizo e que os beneficiarios se axustan aos criterios marcados no programa de bolsas comedor, dende os centros cívicos municipais efectuarase o seguimento mensual da asistencia dos menores da súa zona ao colexio e ao comedor.
Este programa municipal converteuse cada vez máis nunha axuda moi importante para as familias con menos recursos. O número de beneficiarios é actualmente de 614 nenos (516 con bolsas de ata 75 euros e 98 de ata 98 euros), fronte aos 573 do curso pasado e os 481 do ano académico 2010-2011. “En dous anos aumentamos o número de bolsas comedor nun 27,7% “, informou o concelleiro de Servizos Sociais, quen engadiu que o Goberno municipal decretou que todos os solicitantes que cumpren os requisitos obteñan a bolsa, sen que exista lista de espera.











