A corporación municipal prepara o próximo pleno ordinario
A Corporación municipal da Laracha reunirase o próximo mércores día 27 de marzo nunha sesión ordinaria do Pleno na que se tratarán, por iniciativa do grupo de goberno, varios asuntos dos que se dará conta nas súas respectivas Comisións informativas que se celebrarán esta semana.
Así mañá xoves terá lugar a Comisión Informativa de Asuntos Económicos, Facenda e Especial de Contas na que están, como puntos do orde do día a modificación das ordenanzas fiscais nº 1, 7, 15, 16 e 24.
O venres 22 celebrarase a Comisión Informativa Réxime Interior, Persoal, Medio Ambiente, Servizos Municipais na que se tratarán os seguintes puntos: a aprobación definitiva do regulamento municipal do servizo de Punto Limpo, de recollida de Papel-Cartón e de voluminosos a domicilio, así como a clasificación de dito contrato; e a aprobación inicial da modificación da ordenanza municipal reguladora de plantacións forestais, depósito, carga e transporte de madeira de tala.











