A Corporación aproba unha moción de apoio aos traballadores da Fábrica de Armas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+
Pleno da corporación municipal

Pleno da corporación municipal

A Corporación local aprobou no pleno desta mañá unha moción conxunta en defensa do mantemento dos postos de traballo da Fábrica de Armas e de rexeitamento frontal e absoluto á decisión de Xeneral Dynamics, ao tempo que solicita a colaboración de Xunta e Goberno central para a continuidade da factoría na Coruña. O Concello tamén deu o visto e prace de xeito inicial á nova ordenanza de terrazas.

O alcalde, Carlos Negreira, leu ao inicio da sesión un comunicado polo Día Internacional da Muller, que se celebra este venres, 8 de marzo, e no que anunciou da adhesión da Coruña á declaración aprobada pola Federación Española de Municipios e Provincias. Neste sentido, deféndese a “igualdade de oportunidades real no acceso ao emprego” e o impuxo de “medidas de conciliación da vida persoal, familiar e profesional”, pois o “obxectivo último” é “combater todas as manifestacións subsistentes de discriminación, directa ou indirecta, por razón de sexo”. “Isto non é un problema das mulleres, senón de toda unha sociedade que quere ser mellor”, concluíu o alcalde.

FÁBRICA DE ARMAS
A Corporación local aprobou por unanimidade unha moción conxunta de apoio rotundo e incondicional aos traballadores da Fábrica de Armas e na que mostra o seu rexeitamento absoluto e frontal á decisión de General Dynamics de pechar a factoría da Coruña. Nesta iniciativa, o pleno municipal tamén solicitou a colaboración de Xunta e Goberno central para garantir a continuidade da actividade e dos postos de traballo.

“Non” aceptamos “as razóns de General Dynamics para tomar esta decisión. Unha multinacional non pode depender dun mercado local para garantir a súa viabilidade, nin pode soster como argumento as perdas dun ano sabendo que en anos anteriores se produciron importantes beneficios. Non aceptamos tampouco que a empresa incumprise o Plan de transformación da factoría coruñesa, asinado en 2009 co obxectivo de diversificar a actividade cara a outros sectores”, afirmou o Voceiro do Goberno municipal, Julio Flores, quen destacou o “consenso unánime” logrado polo alcalde, Carlos Negreira, de todas as forzas políticas no Concello, na Deputación e no Parlamento de Galicia.

Flores explicou que o compromiso do Goberno local é absoluto, como así o demostra a colaboración solicitada da Xunta e a firma dun manifesto cos alcaldes de todas as localidades afectadas e cos representantes sindicais de todas as factorías en España no que se rexeita frontalmente a decisión de General Dynamics. “O obxectivo común é lograr a suspensión inmediata da decisión de pechar a Fábrica de Armas no prazo dun mes e a apertura dunha mesa de negociación para abordar un plan de viabilidade que garanta carga de traballo e o mantemento do emprego”, afirmou.

O Voceiro municipal avogou por unha “unidade sen fisuras” para deixar claro que a Fábrica de Armas ten futuro: “O único responsable desta decisión é General Dynamics e todos os esforzos han de ir encamiñados a demostrarlle que a Fábrica de Armas ten futuro nas súas actuais instalacións. O Goberno municipal blindou a cualificación da parcela como uso industrial no novo plan urbanístico, para evitar tentacións dirixidas á especulación urbanística de épocas pasadas. E ten futuro porque o seu maior capital é un equipo de excelentes profesionais” “cun talento que lles permite desenvolver tarefas vinculadas ao seu sector e a outros sectores”.

TERRAZAS
O Goberno municipal aprobou de xeito inicial a nova ordenanza de terrazas, unha norma que substitúe á actual, vixente dende 2002, e que, tal e como explicou a concelleira de Tráfico, Mobilidade, Uso e Utilización do Dominio Público, Begoña Freire, non serviu para adaptarse ás novas circunstancias do sector da hostalaría e á lei antitabac; para dar solucións aos problemas formulados, como o descanso veciñal e o tránsito peonil; e para lograr unha mínima homoxeneización e adecuación estética das instalacións.

Freire defendeu que a nova normativa significa un “cambio de enfoque” que cumpre un compromiso electoral desenvolvido coa máxima transparencia, tras manter reunións de traballo coas federacións de veciños, a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría, as asociacións de persoas con minusvalidez e mobilidade reducida (Grupo de Acceso Coruña) e cos grupos municipais da oposición. Explicou que o “obxectivo irrenunciable” é alcanzar “o equilibrio entre os intereses de hostaleiros, veciños e peóns” e facer compatible o ocio co descanso e a utilización do espazo público.

A concelleira destacou que grazas ao diálogo e ao consenso se establece un “marco xurídico estable” que falicita o “desenvolvemento económico do sector hostaleiro con criterios de calidade” e que potencia a “xeración de emprego”. Asegurou que se trata dunha “norma flexible” que compatibiliza a instalación de terrazas co uso público, pensando sempre no “interese xeral”. “Temos unha boa norma que estamos seguros de que cambiará a mellor a fisionomía da cidade”, engadiu Begoña Freire, quen concretou os cambios que introduce a nova ordenanza municipal de terrazas:

– Limítase a regulación ao chan de dominio público e de espazos privados de uso público.

– Fíxanse criterios de igualdade de oportunidades para os establecementos hostaleiros, non limitando as instalacións aos incluídos no Grupo I, e incluíndo tamén unha demanda fundada dos cafés-degustación, xeadarías e establecementos similares.

– Supérase o enfoque dos dous tipos de terraza (sen cubrir e cuberta) da norma de 2002 que non xerou solucións ás necesidades reais. Reinterprétanse polo tanto as dúas tipoloxías cunha perspectiva máis acorde ás necesidades e posibilidades actuais e futuras. Formúlanse agora as modalidades temporais: unha, con simples elementos móbiles ou desprazables; e outra que permite a instalación dalgúns elementos fixos, pero en todo caso doadamente desmontables.

– A norma fixa os horarios das instalacións de terrazas desligándoos do horario de actividade do local, establecendo un horario xeral de inicio e de peche, e diferenciado entre as diferentes estacións do ano, así como entre os días laborables e fins de semana.

– Elimínase o criterio de escaso fundamento técnico, relativo á limitación dun terzo de ocupación da beirarrúa, enfocándoo agora dende a perspectiva da accesibilidade universal e posibilitando instalacións onde non era posible coa actual ordenanza, fixando baixo criterios técnicos o espazo que en todo caso ha de quedar garantido. Poderanse autorizar terrazas en beirarrúas de 2,50 metros, e mesmo con elementos de reducida dimensión en beirarrúas de 2,30 metros, garantindo en todo caso un itinerario peonil mínimo libre de 1,50 metros.

– Téñense en especial consideración as características propias da cidade, co fin de garantir a axeitada compatibilidade e integración da implantación de terrazas nunha determinada zona. Así, inclúese a posibilidade de tratamento específico de áreas peonís, ámbito de monumentos ou edificios singulares ou ámbitos de especial interese, que permitan un estudo global, en atención ás características e morfoloxía de cada un dos espazos, uso principal a que estea destinado, impacto visual… Nestas áreas específicas, poderán establecerse ordenacións singulares nas que logo de delimitación do ámbito se fixe o tipo de instalación, disposición, superficie de ocupación e os criterios estéticos e funcionais dos distintos elementos que pretendan conformar a terraza ou terrazas.

– Formúlase un tratamento das terrazas cun punto de vista integral, que considera a racionalización do espazo ocupado e aspectos relacionados coa accesibilidade, así como o aspecto estético. Os principios de accesibilidade universal deben aplicarse sistematicamente a todos os ámbitos do espazo exterior. Resáltase a importancia da integración harmónica co ámbito, e a homoxeneización da imaxe e estética das terrazas para a súa adecuación á paisaxe urbana.

– A regulación é tamén especialmente cautelosa ante posibles perturbacións do descanso veciñal, de aí o establecemento de medidas correctoras que permitan unha resposta máis áxil ante a constatación de molestias procedentes do ruído dunha terraza, e tamén da necesidade de garantir o máximo respecto ao tránsito peonil en condicións de accesibilidade. A administración resérvase a posibilidade de reducir o horario xeral da terraza atendendo a circunstancias de índole sociolóxico, ambiental ou urbanístico que puidesen concorrer no caso concreto, e cando se comprobe a transmisión de ruídos que orixine molestias aos veciños, podendo mesmo revogarse a autorización concedida.

– Impúlsase a Comisión Especial de Terrazas, na que estarán presentes as federacións de veciños, a asociación provincial de hostalaría e asociacións de persoas con diversidade funcional para realizar un seguimento periódico e tamén como órgano de asesoramento, coordinación e control da aplicación da ordenanza.

– Establécese como anexo á ordenanza os distintos tipos de mobiliario autorizable e as súas características; mobiliario que ha de ser previamente homologado polos servizos técnicos para comprobar a integración dos distintos elementos da terraza e desta no seu ámbito. Permítense tamén a instalación de calefactores, a excepción dos de gas (que se suxeitan ao réxime transitorio), para cumprir o requirimento das actuais políticas de eficiencia enerxética que contribúen á sostibilidade. Establécese un réxime transitorio para que o mobiliario e os distintos elementos das terrazas poidan ir adaptándose á nova normativa.

EMERXENCIA SOCIAL
O concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, detallou a batería de medidas que o Concello puxo en marcha en materia de vivenda, ante situacións de desafiuzamento: “A nosa liña de traballo vai encamiñada a mellorar e potenciar todas aquelas medidas que freen ou palíen os efectos que os desafiuzamentos producen na cidadanía”. Así, durante o ano 2012, o Concello incrementou un 231% o número de axudas destinadas á vivenda e ao seu mantemento con respecto a 2011, para o cal achegou 283.624 euros, un 261% máis que no ano anterior. Ademais, Servizos Sociais adxudicou 70 vivendas municipais en réxime de aluguer para familias con nivel económico por debaixo do habitual.

Para finalizar, o Voceiro municipal destacou que, no que vai de mandato, o Goberno local incrementou un 30% os efectivos de Policía Local na rúa e, en particular, no ámbito dos centros escolares. Neste sentido, informou do dispositivo especial de seguridade vial e regulación de tráfico en entradas e saídas dos colexios que, neste curso 2012-2013, actúa en 24 centros da cidade. Este dispositivo é revisado ao longo do curso escolar para adaptalo ás necesidades detectadas polas patrullas de barrio, as demandas veciñais ou as solicitudes dos responsables dos centros escolares. O dispositivo actual foi revisado o pasado 4 de febreiro. Ademais, Julio Flores sinalou que este Goberno municipal, en coordinación co departamento de circulación e previo consenso coas AMPAS e direccións dos centros escolares, tomou unha serie de medidas: instalación de bandas redutoras de velocidade, ampliación do tempo de semáforo en verde para peóns, reforzo de sinalización vertical… Flores avanzou que o equipo de goberno traballa xa na elaboración dun Plan Local de Seguridade Vial, un procedemento consensuado con todas as administracións públicas.

4 de marzo de 2013 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.