A Concellaría de Medio Ambiente entrega composteiros a un grupo de veciñas/os

Charla e entrega de composteiros
A Concellaría de Medio Ambiente, que dirixe Xaquín Villadangos, fixo entrega esta mañá de quince composteiros a veciñas e veciños interesados na reciclaxe de residuos orgánicos na propia casa.
A actividade constitúe unha experiencia piloto de autocompostaxe doméstica, que forma parte da campaña de sensibilización que leva a cabo o Concello para lograr unha maior reciclaxe e a conseguinte redución dos gastos actuais de recollida e tratamento do lixo.
Antes de entregar os composteiros aos veciños interesados que resultaron agraciados nun sorteo, dous técnicos da consultora medio ambiental Lagares Oca, S.L., de Vigo, explicaron as técnicas para iniciarse na compostaxe de residuos orgánicos, falando tamén das súas vantaxes e secretos. Para elo, entregaron tamén un manual básico sobre o manexo dos residuos e explicaron que a iniciativa inclúe ademais un seguimento do proceso, polo que os técnicos visitarán periodicamente cada un dos domicilios, co fin de comprobar a evolución da reciclaxe.
Segundo as explicacións dos expertos, despois de 4 ou 5 meses, é posible xa ter compost (excelente fertilizante para horta e xardín) coma resultado da transformación dos residuos biodegradables que se depositan no composteiro.











