A compañía de Teatro Roza do Pedrol chega ao Auditorio Municipal de Ribadumia
A programación de marzo do Auditorio Municipal de Ribadumia prosegue este domingo coa actuación da compañía de teatro Roza do Pedrol, de San Vicente do Grove, que porá en escena a obra “Estación Mir”. A representación comeza ás 19.00 horas, con entrada gratuíta.
“Estación Mir” é unha obra de Jaureguizar, dirixida por Joaquín Parada. Mijail é un astronauta novo a quen se lle encargou salvar a derradeira gloria soviética volvendo a por en marcha a Estación Mir, que se atopa aboiando no espacio. Por un erro de cálculo, a nave na que viaxa acaba na Estación Mir, a estación de movementos internos rodados, que ten por todo persoal ao ancián factor Felipe González. Entre ambos dous, tentarán por en marcha a nave rusa e sortear as visitas dun garda de tráfico intergaláctico, un mecánico de aparellos espaciais e un vendedor de foguetes galácticos mantendo os pés na terra…
Tras o teatro da compañía Roza do Pedrol, a seguinte actuación no Auditorio Municipal será a da asociación BTroula, que pechará a programación de marzo co seu espectáculo “A inspiración dos dez”. Será o domingo 31, ás 19.00 horas. Trátase dunha obra musical baseada na orixe dos dez bailes de salón que actualmente se practican nas competicións de baile deportivo nas súas modalidades estándar e latino: vals inglés, tango, vals vienés, slowfox, quickstep, samba, chachacha, rumba-bolero, pasodobre e jive. Durante a representación combínase o baile deportivo, tal e como se coñece, e unha interpretación persoal da súa orixe.











