A biblioteca do Fórum Metropolitano acolle o concerto de Federico Flesfa
A Concellaría de Cultura informa de que o próximo 21 de marzo, a partir das 19.30 horas, a biblioteca do Fórum Metropolitano acollerá o concerto de Federico Flesfa, quen presentará o seu poema-loop Carrusel dos Astros.
Federico Flesfa é un personaxe de ficción e unha das múltiples caras de Roberto Casteleiro (Koroiev, Fagot e Popota, Korokati e Primrose). Tamén é coñecido como o enxeñeiro-poeta creador do bricotrance, xénero musical doityourself de construción en vivo de loops que, co emprego de instrumentos acústicos e electrónicos, algúns obxectos do fogar e altas doses de enxeño para a creación sonora, semeja ser unha proposta fóra do común, non só pola cuestión da construción musical, senón tamén pola narrativa e a poética dos temas. O seu poema-loop Carrusel dos Astros está composto por sete estrofas que se corresponden cos sete temas que inician a súa andaina musical.











