A Aula Cemit programa un taller para o comercio electrónico na venda de calzados e roupa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrtigueira
A-
A+

A Aula Cemit de Ortigueira acolle a próxima semana unha nova xornada destinada a promover as posibilidades e vantaxes que oferta internet como canle de comercialización. a acción, titulada “Vendes en internet? O teu negocio sen límite” está dirixida especificamente a pequenas empresas e autónomos dos sectores do téxtil e o calzado da bisbarra.

A proposta, que se desenvolverá o xoves 21 de marzo, está impulsada pola Secretaría de Estado de Telecomunicacións, a través da entidade empresarial red.es, e se impartirá por medio de videoconferencia dende o Centro Demostrador Tic de Santiago en oito aulas da Rede Cemit de toda Galicia, sendo a de Ortigueira, a única de Ferrolterra, Eume e Ortegal en ofertar a actividade.

O taller, totalmente gratuíto, ofrecerá aos asistentes as principais claves para poñer en marcha ou rendibilizar un negocio en internet. Neste sentido, ao longo da xornada, que arrancará ás 10 da mañá e se prolongará ata as 20 horas, abordarase dende como crear unha marca e sacar o máximo partido ás redes sociais e a web 2.0., a como organizar a loxística do negocio online, sen esquecer aspectos como a fiscalidade ou normativa pola que se rexe o eCommerce e as plataformas tecnolóxicas existentes.

Dado que as prazas son limitadas, dende a Aula Cemit de Ortigueira, dependente da Concellaría de Cultura, anímase os responsables ou traballadores de negocios de establecementos de venda de calzado e roupa a anotarse canto antes acudindo ao centro, situado no antigo centro de saúde, ou a través de teléfono 981402533.

12 de marzo de 2013 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.