A aula CeMIT de San Sadurniño programa cinco cursos para o mes de abril

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+

A aula da Rede CeMIT de San Sadurniño continúa ampliando a súa oferta formativa ao redor das novas tecnoloxías. E faino atendendo todas as necesidades e niveis para que ninguén perda a oportunidade de introducirse na modernidade das comunicacións. Para o mes de abril ofrécense cinco cursos que van desde aprender a acender o ordenador ata como retocar fotos e crear o noso propio álbum virtual.

Aínda que hoxe os teléfonos intelixentes e as tabletas electrónicas están desprazando o ordenador no acceso a internet, nunca está de máis coñecer como funciona e ver cantas cousas se poden facer con el, xa sexa para entreterse ou para traballar. Do 1 ao 4 de abril entre as 16.00 e as 18.00 a aula CeMIT acolle un curso de iniciación titulado “Aprende a utilizar o ordenador”, no que nos explicarán cales son os seus compoñentes, o funcionamento básico, como gardar datos no disco duro e outros soportes e mesmo como editar un texto co procesador Open Office.

Para quen queira iniciarse na Internet impartirase outro curso desde o 8 ata o 11 de abril tamén en horario de 16.00 a 18.00h. Os contidos centraranse nos aspectos básicos da rede, o navegador, os recursos e servizos que podemos atopar ou como podemos atopar información e comunicarnos dun xeito sinxelo.

Precisamente será sobre a comunicación sobre o que versen os dous seguintes cursos. O primeiro deles -que se desenvolverá os venres 12, 19 e 26 de abril entre as 10.00 e as 12.00h.- mostraranos o manexo do correo electrónico. As persoas que asistan ao curso aprenderán a crear a súa conta, a enviar e recibir mensaxes con arquivos adxuntos e a xestionar dunha forma ordenada os nosos contactos.

O segundo curso relacionado coa comunicación virtual achegaranos ás dúas principais redes sociais: Facebook e Twitter. Trátase dun curso de iniciación e, polo tanto, abordará cuestións básicas como a alta inicial nestas redes, a busca de amizades e <em>followers</em> e a publicación de comentarios.

Tanto no Twitter como no Facebook parte importante son as fotos que publicamos e compartimos a través dos nosos perfís. Unha boa foto é capaz de atraer a atención dos internautas e moitas veces as imaxes poden ser aínda máis espectaculares tratándoas antes dunha forma sinxela. Para os días 22, 23 e 24 de abril entre as 16.00 e as 18.00h. na aula CeMIT hai programado un curso de retoque básico no que, ademais, tamén aprenderemos a crear un álbum que nos permitirá compartir na rede as nosas fotos. Manexaremos o escáner para dixitalizar as fotos que aínda teñamos en papel, aprenderemos algúns trucos para recuperar aquelas que estean estragadas e tamén poderemos iniciarnos no procesado das imaxes da nosa cámara dixital empregando The Gimp, un programa sinxelo, lixeiro e gratuíto co que podemos facer as mesmas cousas que co afamado Photoshop.

Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre estes cursos cómpre dirixirse á aula CeMIT situada no baixo da casa da Cultura, ou ben a través da web https://cemit.xunta.es e do correo electrónico cemit.sansadurnino@xunta.es

26 de marzo de 2013 | 18:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.