A Aula CeMIT de San Sadurniño ofrece catro cursos durante o mes de marzo
O primeiro deles é un curso de retoque fotográfico co programa The Gimp, que vén sendo a competencia directa pero en software libre do afamado Photoshop. Con el poden facerse as mesmas cousas, como por exemplo restaurar unha fotografía antiga, mellorar as imaxes da nosa cámara dixital e mesmo facer complexas composicións con varias fotos. A única diferencia -e tamén vantaxe- é que é gratuíto e ocupa menos espazo no ordenador. Esta actividade forma parte do proxecto Miradas de Muller arredor da fotografía e impartirase os días 4, 5, e 6 de marzo entre as 16.00 e as 18.00h.
Xunto co curso de retoque fotográfico, a rede CeMIT tamén ofrece outro de iniciación a Internet cunha duración de 10 horas. Comeza o día 12 e celebrarase os martes e mércores entre as 16.00 e as 18.00h. Nel aprenderemos as cousas básicas sobre como funciona a Internet e sobre como atopar información interesante empregando os buscadores máis habituais.
En relación co uso da rede na aula tamén nos mostrarán como crear unha conta de correo electrónico a través dun curso específico de 8 horas que comezará o día 11 de marzo e que se impartirá os luns e xoves tamén de catro a seis da tarde. As persoas que se apunten abrirán a súa propia conta e aprenderán a xestionar o envío e recepción de mensaxes.
Por último, dentro da programación inmediata da aula tamén haberá un curso de creación de blogs cunha duración de 5 horas que se impartirá os venres 15 e 22 de marzo entre as 10.00 e as 12.30h. con este curso búscase que as persoas usuarias adquiran os coñecementos necesarios para crear e administrar as súas bitácoras persoais en internet.
Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre estas e outras actividades as persoas usuarias poden dirixirse á aula CeMIT do Concello de San Sadurniño, situada na Casa de Cultura -Avenida Marqués de Figueroa Nº 11- en horario de luns a xoves de 16.00 a 20.00h, e os venres de 10:00 a 14:00 h.
Tamén podedes acceder á web cemit.xunta.es ou enviarlle un correo á axente tic da rede ao enderezo cemit.sansadurnino@xunta.es.











