A ANPA do colexio de San Sadurniño contará cunha axuda municipal de 4.000 euros
O Concello de San Sadurniño e maila ANPA do colexio público asinaron este luns un convenio de colaboración que lle suporá á entidade unha achega de 4.000 euros. Estes cartos destinaranse tanto aos gastos de funcionamento como ás actividades que organice. Trala sinatura do documento o concelleiro Manuel Varela comunicoulles aos representantes da entidade a intención do grupo de goberno de levar a pleno unha moción na que se lle demandará á Xunta un servizo de comedor escolar de calidade, a retirada da ampliación do copagamento e o acceso gratuíto a este servizo para o alumnado con escasos recursos económicos.
O convenio asinado coa ANPA estipula que os 4.000 euros de subvención municipal se pagarán en dúas veces: 2.000 euros despois da sinatura e outros 2.000 a finais de ano cadrando coa xustificación dos gastos de 2013. O documento tamén recolle os compromisos de colaboración, que se resumen na organización da festa do entroido, a das Letras Galegas e o magosto.
Ademais, a ANPA tamén subvencionará a actividade de psicomotricidade de maneira que os alumnos e alumnas que participen nela só teñan que pagar un máximo de 5 euros. A ANPA tamén colaborará economicamente coas excursións escolares achegando 300 euros para as de infantil e primaria e outros 600 para a de secundaria.
O convenio rubricado este luns entre o Concello e a entidade tamén reflicte o compromiso de organizar un curso de primeiros auxilios e unhas xornadas de apicultura -en colaboración coa delegación de Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura- dentro das actividades dirixidas a 1º e 2º de secundaria. Para o alumnado de 3º e 4º de secundaria tamén están previstas unhas xornadas de fructicultura coordinadas pola Asociación Galega da Froita Autóctona (AGFA) do Eume e outras sobre economía social e cooperativismo a cargo da Cooperativa de consumo responsable A Xoaniña.
En contra do copagamento do comedor
No decurso da xuntanza mantida entre ANPA e Concello, o goberno local trasladoulle á entidade a súa intención de levar ao próximo pleno unha moción sobre a ampliación do copagamento dos comedores escolares.
Segundo o equipo de goberno esta medida é “un novo recorte no dereito á educación que carga sobre a precaria economía de moitas familias”. Segundo explicou Manuel Varela, “o anuncio da Xunta de facerlles pagar máis ás familias polo servizo de comedor é unha nova mostra da súa despreocupación polo ensino público, que contrasta cos 240 millóns de subvención ao ensino concertado”.
Varela anunciou “a oposición frontal” do goberno local a esta medida e anunciou que no próximo pleno ordinario o grupo municipal do BNG presentará unha moción de cara a que os tres grupos da Corporación adopten o acordo de instar á Xunta para que non se estableza un novo copagamento dos comedores, pero tamén para demandarlle que se garanta un servizo de comedor escolar de calidade e que este sexa de balde para as familias con menos recursos.











