A alcaldesa e o Secretario Xeral Técnico de Educación visitan o colexio para valorar a ampliación das aulas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRibadumia
A-
A+

A alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña, recibiu a visita do Secretario Xeral Técnico de Educación, Jesús Oitavén; do xefe territorial, César Pérez, e dos técnicos da consellería para valorar no propio colexio Julia Becerra Malvar a ampliación da capacidade do centro. Salomé Peña urxiu unha solución para que en setembro estean rematadas as obras, e dar así resposta á demanda de prazas que se esperan.

No colexio, tanto a alcaldesa como os técnicos estudaron as diferentes opcións e solucións existentes para ampliar o centro con dúas novas aulas, xa que segundo os datos de padrón que manexa o concello, o vindeiro curso aumentará de xeito notable o número de matrículas escolares, principalmente en educación infantil, polo que se fai preciso buscar unha solución á falta de espacio.

Neste sentido, Salomé Peña xa mantivo diferentes reunións para tratar este tema, tanto co xefe territorial de Educación como co propio conselleiro, Jesús Vázquez, con que se reuniu a finais de febreiro en Santiago de Compostela. Tras valorar sobre os planos as opcións que manexan, o seguinte paso para avanzar neste proxecto é este encontro no centro escolar para estudar no propio lugar as diferentes alternativas.

Outra das novidades que se contemplan no colexio Julia Becerra Malvar para o vindeiro curso escolar é a nova zonificación escolar, que terá en conta a distancia máis próxima entre o centro e o domicilio familiar e que evitará a masificación dos centros de educación infantil.

Actualmente Ribadumia conta con 161 alumnos de 3, 4 e 5 anos –tanto no Centro Rural Agrupado de Ribadumia como no colexio Julia Becerra Malvar- , mentres que o alumnado de primaria suma 273 nenos.

A última ampliación do colexio Julia Becerra Malvar fíxose no ano 2006, coa construción de tres aulas de infantil. A previsión realizada naquel momento pola Xunta de Galicia quedouse corta dado o importante aumento de poboación que tivo Ribadumia nos últimos anos.

12 de marzo de 2013 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.