A Ágora acolle o próximo luns un novo encontro de Poetas Di(n)versos
A Concellaría de Cultura informa de que o próximo luns, 11 de marzo, o auditorio da Ágora acollerá a quinta sesión deste curso de Poetas Di(n)versos, na que participarán a eumesa Eva Veiga e o portugués Nuno Júdice.
A cita, que adoita reunir dúas voces poéticas -unha galega e outra lingua do mundo-, conta esta vez con Eva Veiga e Nuno Júdice, nacido no Algarve. Ambos os dous interpretarán o próximo luns na Ágora, a partir das 20.30 horas, poemas propios nun acto aberto e gratuíto que seducirá tanto os amantes da poesía coma o público menos versado. Repartirase un folleto políptico a xeito de guía bibliográfica dos autores e poñeranse á venda os seus títulos para todos aqueles interesados en levarse un libro asinado polo autor.
Poetas Di(n)versos é a única programación poética de toda España que conta con autores internacionais -ademais de locais, neste caso- dun xeito estable e regular. A Concellaría de Cultura busca con este ciclo achegar a produción poética contemporánea do resto do mundo, nas voces dos seus propios creadores e creadoras, en pleno barrio da Agra del Orzán. Trátase dunha cita continuada coa poesía máis diversa e de calidade, guiada pola man da súa xestora e directora, a tamén poeta e dinamizadora cultural Yolanda Castaño.
Eva Veiga foi unha cara moi coñecida da TVG nos anos 80 e 90, sobre todo vinculada á dirección e condución de programas culturais, ata que unha grave enfermidade a fixo centrarse máis na escritura. Dende entón, oito poemarios fan dela unha voz poética tocada pola luz e a hondura. Ademais, Veiga posúe unha potente presenza escénica que a levou a formar o grupo Ouriol xunto a dous músicos cos que percorre os escenarios.
Nuno Júdice é un dos poetas portugueses máis prolíficos e consagrados. Profesor da Universidade de Lisboa e grande estudoso medievalista, foi conselleiro cultural da Embaixada de Portugal e director do Instituto Camões, en París, de 1997 a 2004. Con obra amplamente traducida, e un dilatado volume de libros publicados dende o ano 1972, Júdice recibiu os máis importantes premios de poesía de Portugal.











