A 2ª BTT Palmés-Ourense ofrecerá unha ruta cicloturista con atractivos arquitectónicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLocalOurense
A-
A+

Por segundo ano consecutivo, a Asociación de Veciños de Palmés e o Clube Ciclista Dúas Rodas, en colaboración co Concello de Ourense, organizan o BTT Palmés-Ourense, que se celebrará o próximo domingo, 24 de marzo, polos pobos e camiños do monte de Noreste dos Concellos de Ourense e Amoeiro. O alcalde de Ourense, Agustín Fernández, e representantes da organización, asistiron esta mañá á rolda de prensa de presentación da proba, que terá un percorrido de entre 30 e 35 km., cunha dificultade media alta e saída e chegada no Campo de Fútbol de Palmés.

O circuíto será algo máis ca unha ruta cicloturista socio-deportiva, xa que busca ofrecer aos participantes o coñecemento dos restos arquitectónicos da zona, así como a súa historia. Así, o deseño do trazado desta marcha incluirá tramos forestais desaparecidos polo paso do tempo, ou a recuperación de antigos tramos da denominada “ruta dos Fornos”. Trátase dun antigo percorrido polos pobos do Concello de Ourense e Amoeiro, no que existía un antigo forno onde as xentes se reunían para facer o pan e aproveitar a conversar e contar antigos contos e lendas.

A ruta pasará tamén polo antigo mosteiro de Santa Comba de Naves, actualmente en ruínas e último vestixio da arquitectura tradicional desta zona. Outra zona da marcha percorrerá o antigo sendeiro que discorre paralelo ao regato da Burata, e que fai moitos anos alimentaba a unha serie de muíños de auga empregados para moer o cereal.

A marcha contará cun avituallamento a metade do percorrido, sólido e líquido, ademais dunha lembranza conmemorativa do evento a tódolos participantes. Durante o percorrido, haberá asistencia médica, servizos de ambulancia e medicina, duchas e sorteo de agasallos. Todos aqueles que o desexen poderán participar (previa inscrición) nun xantar popular no local social da Asociación de Veciños de Palmés.

Para máis información e inscricións, pódese acceder á dirección web www.ccduasrodas.es, ou chamar aos teléfonos 619 019 970, ou 610 750 033.

19 de marzo de 2013 | 16:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.