70 persoas participaron nas accións formativas do programa do Concello “Ourense Inserta”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

O alcalde de Ourense, Agustín Fernández, e o concelleiro de Emprego, Vázquez Barquero, fixeron entrega dos diplomas que acreditan ter finalizado os itinerarios de formación aos 39 participantes nos cursos do ámbito da dependencia que comezaron en outubro e finalizaron entre decembro e xaneiro deste ano. Dos asistentes esta mañá ao Salón de Plenos, 21 persoas realizaron o curso de “Atención especializada para enfermos de Alzheimer” de 275 horas e 18 o curso de “Coidador de discapacitados físicos e psíquicos” de 225 horas.

Ourense Inserta é un proxecto de inserción sociolaboral, que depende da Concellería de Facenda, Emprego e Termalismo do Concello de Ourense, e está cofinanciado polo Fondo Social Europeo, por medio do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, cun orzamento total de 1.387.953,93 € (sendo 277.590,79 € a achega municipal e 1.110.363,14 € a axuda do FSE).

O obxectivo prioritario dos itinerarios de formación é artellar un sistema de integración sociolaboral que permita favorecer o acceso a un posto de traballo daquelas persoas pertencentes aos colectivos máis vulnerables e con maiores dificultades de inserción laboral a través de procesos de formación especializada en tres ámbitos diferenciados: dependencia, medio natural e hostalería.

Mañá, acudirán ao Salón de Plenos do Concello , para recoller os seus diplomas os 31 participantes en outros dous cursos do programa “Ourense Inserta”: 20 participantes do curso de “animador xerontolóxico” e aos 11 do curso de “Limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais”.

O primeiro curso de animador xerontolóxico contou cunha programación total de 415 horas e o de limpeza de instalacións foi de 255 horas e forma parte do convenio de colaboración entre a Consellería de Traballo e o Concello, polo que conta coa acreditación de certificado de profesionalidade da formación.

Balance de participación

A día de hoxe, máis de 90 persoas, maioritariamente mulleres con cargas familiares, desempregadas de longa duración que non contaban con ningún tipo de contraprestación, finalizaron os itinerarios que se teñen realizado nos últimos 10 meses.

Unha vez rematados os cursos están a impartirse 3 novos itinerarios nos que participan 45 persoas nos meses de xaneiro a marzo adicados ao eido da hostalaría: operacións básicas de cociña, operacións básicas de restaurante e bar e formación complementaria en competencia clave.

12 de marzo de 2013 | 16:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.