40 establecementos de hostalería participan na iniciativa “Tapéate Ferrol”
O Concello de Ferrol, a través da Concellería de Turismo que dirixe Diego Calvo, e en colaboración coa Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarca promove no certame “Tapéate Ferrol”, que comezou onte e se prolongará até o vindeiro día 24 do presente mes de marzo. Os xoves, venres, sábados e domingos un total de 42 establecementos hostaleiros –bares, mesóns, cafeterías, etc…- situados en diferentes puntos da cidade ofrecerán aos seus clientes degustacións a un prezo de dous euros, consumición non engadida. O obxectivo de “Tapéate Ferrol” e contribuír a dinamizar o sector hostaleiro e os barrios da cidade.
En canto ás escollas das tapas gañadoras, serán os propios consumidores os que elixan cos seus votos as dez mellores. Entre elas un xurado de expertos -formado polo xornalista Pepe Varela, o escritor gastronómico Miguel Vila e Alfonso González Pendás, de Casa Pendás- concederán o Premio Especial do Xurado, consistente en 600 euros en metálico. Os tres primeiros galardóns serán concedidos polos propios clientes e están dotados con 400 euros – no caso do primeiro-; 300 euros -para o segundo-; e 200 euros -para a tapa que quede en terceiro lugar-. Ademáis, realizarase un sorteo entre as persoas que depositen os seus votos. Os premios aos que poderán optar son os seguintes: un paquete para dúas persoas nun aloxamento rural en Monfero -inclúe noite con almorzo e aluguer das bicicletas eléctricas nas Fragas do Eume-; paquete turístico “En tren polo Norte”, consistente en aloxamento de dúas noites no hotel da natureza Vía Láctea -inclúe almorzo e unha ruta guiada polos cantís de Loiba, achamada ruta das algas e a baixada en kayak ou zodiac pola ría do Barqueiro-.
A Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarca abriu “Tapéate Ferrol” ao sector hostaleiro de todo o termo municipal. Os participantes finalmente localízanse principalmente nos barrios da Magdalena, Ferrol Vello, Esteiro, Ultramar e estrada de Catabois, aínda que tamén hai locais situados noutros puntos da cidade. Os negocios participantes están identificados co logotipo do certame.











