O Albergue de Peregrinos de Neda rexistrou 894 pernoctacións ao longo do pasado ano
A concelleira de Turismo do Concello de Neda, Montse Rico, fixo esta mañá un balance moi positivo das cifras rexistradas no Albergue de Peregrinos durante o pasado ano. Así, en total foron 894 os peregrinos que pasaron a noite nas instalacións de Neda ao longo dos últimos doce meses. Unha cifra que crece ata os 1.216 se se suman aqueles que, sen pasar a noite no Albergue, se achegaron á Oficina de Turismo para recabar información ou selar a súa credencial. Nesta liña, Montse Rico destacou estes números, nun ano marcado especialmente pola crise económica. E nesa liña a evolución rexistrada nos últimos tempos levoulle a mostrar a súa confianza en repetir e mellorar este ano as cifras de cidadáns que descobren o Camiño Inglés que pasa por Neda. De feito, a afluencia mellorou no 2012 en relación ao 2011 (cando se rexistraron 850 pernoctacións e outros 185 peregrinos con credencial ou petición de información).
Así mesmo a edil non quixo deixar pasar a oportunidade de agradecer colaboración de Protección Civil, que brinda a súa colaboración voluntariamente cada ano para tarefas de apoio ao peregrino. Neste contexto, Montse Rico destacou a importancia de potenciar o Camiño Inglés nas políticas de turismo do Concello. Unha excelente fórmula para dar a coñecer a riqueza histórica, natural e patrimonial do municipio.











