Un total de 23 veciñas inician un curso de axuda a domicilio

Participantes no curso
Un total de 23 veciñas participan dende hoxe un curso de formación en Axuda a Domicilio de 100 horas lectivas convocado polo Concello de Frades. Un curso no que as asistentes aprenderán cuestións relacionadas con aspectos físicos, psíquicos e sociais dos maiores, así como os coidados básicos que requiren as persoas dependentes: alimentación, hixiene, comunicación, mobilización…
O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, visitou esta mañá ás alumnas ao remate da primeira das sesións no multiusos José Botana de Frades. Roberto Rey explicou que “se trata dun curso moi interesante porque pode servir tanto como unha saída laboral como para aprender como tratar mellor aos nosos maiores e dependentes”.
A maior parte das alumnas explicou que se apuntaron a este curso na busca dunha saída laboral no sector de axuda a domicilio e moitas delas mesmo xa tiñan algún tipo de experiencia ou coñecementos no campo. Rey Martínez explicoulles que “para conseguir o certificado de profesionalidade hai que reunir trescentas horas de formación non formal, polo que con este curso xa tendes andado un terzo do camiño”. Ante as distintas preguntas das alumnas sobre compatibilidades ou recoñecementos formativos de distinta índole, o alcalde de Frades enviou á clase a un técnico municipal que se encargou de resolver todas as dúbidas.
Este curso de axuda a domicilio que comeza hoxe alongarase durante un total de 100 horas lectivas, a razón de 4 horas diarias. Así, as clases terán lugar no centro multiusos de Frades de luns a venres, en horario de 10:00 a 14:00 horas, ata o 22 de marzo.











