Un recital poético con motivo dos 150 anos da publicación de Cantares Galegos

Instante da representación
A concelleira de Cultura, María Álvarez, informa que “o Concello de Lalín traballa na organización do Mes das Letras Galegas 2013” e ao respecto indica que “nestes momentos temos xa varios espectáculos pechados, mentres que outros estanse a negociar”.
María Álvarez anuncia que “coincidindo cos 150 anos de publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro organizamos para o 17 de maio, Día das Letras Galegas, ás 20.00 horas, o recital das poetisas María Lado e Lucía Aldao”.
“E para o venres, 31 de maio, ás 21.30 horas, terá lugar no Salón Teatro de Lalín o espectáculo teatral BailadElas, Seis mulleres bolañesas, que pretende ser unha homenaxe a Roberto Vidal Bolaño, autor ao que se lle dedica ás Letras Galegas 2013”.
Interpretada por Laura Ponte e dirixida por Roi Vidal e Xavier Estévez, trátase dunha obra composta por seis cadros escénicos tirados dos textos de Roberto Vidal Bolaño: Laudamuco, señor de ningures (Premio Abrente 1976), Bailadela da morte ditosa (Premio Abrente 1980), Saxo tenor (Premio Álvaro Cunqueiro 1991), Días sen gloria (Premio Rafael Dieste 1992, Finalista do Premio Nacional de Literatura 1992), Rastros e criaturas (Premio Eixo Atlántico 2000, Premio Max 2001).
Este espectáculo fala da importancia da muller bolañesa e intenta pescudar as liñas mestras que caracterizan as súas personaxes femininas, demostrando ata que punto a muller encontra en todo o conxunto bolañés un papel en sintonía coa constante exaltación da dignidade humana e a loita pola liberdade presentes ao longo de toda a vida.
Dirixida por Roi Vidal Ponte e Xavier Estévez e interpretada pola actriz Laura Ponte, impulsora xunto con Roberto Vidal Bolaño da compañía Teatro Antroido, revivida para esta produción onde a persoa e os personaxes de R. Vidal Bolaño protagonizan unha obra única para un ano único. A obra ten unha duración de 60 minutos e está dirixida a maiores de 12 anos.
“AS POMBAS DE CARBOEIRO”
Dentro do Feito en Lalín 2013, actividades culturais a carón do Cocido, este venres, 22 de febreiro, ás 21.30 horas, terá lugar no Salón Teatro a función “As pombas de Carboeiro”, de Fantoches Baj, que conta con Benxa Otero e Inacio Vilariño entre o seu elenco artístico ( teléfono de contacto: 699 06 64 49). O prezo de entrada para o público en xeral é de 4 euros.
Tamén ese día pola mañá terán lugar dúas representacións deste espectáculo dirixido á comunidade educativa: ás 10.30 horas no IES Ramón María Aller e ás 13.00 horas no IES Laxeiro.
Carboeiro Kamishi-Bajé é un espectáculo que nace do texto de Inacio Vilariño Carboeiro. Un metarelato no que se conta como un frade trata de camelar, contándolles unha historia, a un batallón do exercito napoleónico para tentar evitar que os soldados sacien a súa fame coa poboación de pombas mensaxeiras do mosteiro. O frade para ilustrar o seu relato usa as cartas do Tarot de Marsella coas que os soldados franceses se entretiñan.
Con vinteoito destas cartas o frade inventa e conta aos soldados un romance mistura de historia medieval con cantos, lendas e romances antigos que ten como protagonista a Cervela de Bonaval. Personaxe a quen sempre identificamos nas cartas por levar zapatos vermellos.
VISITA A EMPORART
Por outra parte, o próximo sábado, 23 de febreiro, ás 13.00 horas, os/as alumnos/as do CEPFORART, o centro piloto de formación que dirixe Pilar Taboada, farán unha visita guiada á exposición EmporArt para explicarlles en que consisten as diversas obras participantes nesta mostra.











