Turismo activo, presentacións, degustacións e sorteos conformarán o programa de Turexpo Galicia

Visitantes na edición anterior
O III Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia 2013, o cal se celebrará do 22 ao 24 de febreiro no recinto Feira Internacional de Galicia, contará cun atractivo programa de actividades dirixidas ao público xeral.
O turismo activo terá un gran peso nesta programación. Así, os visitantes poderán facer rappel, tirolina e tiro con arco, ademais de divertirse no rocódromo que se instalará no recinto e practicar paintball. Deste xeito os participantes acercaranse a este tipo de turismo, coñecendo as propostas das empresas que o ofertan no salón.
Ademais, o público poderá asistir a presentacións de destinos turísticos tanto de Galicia como de Portugal, e de distintas propostas para o tempo de lecer. Poderán participar tamén en numerosos sorteos de bonos e estancias en distintos tipos de aloxamentos e lugares.
Propostas gastronómicas
Moitos dos expositores presentes na área expositiva son concellos e entidades comarcais que buscan potenciar o seu turismo gastronómico e enoturismo no marco de Turexpo Galicia 2013
Por este motivo, e para que os visitantes coñezan as súas excelencias neste sentido, realizarán un importante número de degustación dos seus produtos máis emblemáticos durante todos os días de feira, algunhas delas orientadas ao público xeral e outras aos profesionais que visitarán o salón durante o primeiro día e medio.
Estes profesionais contarán cun programa específico no que, ademais das degustacións, figuran xornadas técnicas, workshops e encontros profesionais. A estas actividades técnicas hai que engadir a Bolsa de Contratación Turística, a cal está dirixida aos expositores do salón.











