Turexpo Galicia descubrirá como vender experiencias e viaxes empregando tecnoloxías avanzadas

Unha das xornadas de Turexpo na edición anterior
Baixo o título “Conversas sobre o uso de ferramentas e tecnoloxías avanzadas para volver vender viaxes, servizos e experiencias”, o salón turístico Turexpo Galicia acollerá unha xornada dirixida a profesionais do sector e coorganizada xunto con El Colectivo Wiley, axencia integral de comunicación.
No seu transcurso explicaranse conceptos como os de marketing dixital, social e experiencial, á vez que se analizará a súa importancia. Así mesmo, falarase do uso das ferramentas dixitais no marketing turístico e a “vida máis aló do Facebook”, ademais de argumentar a non existencia do “ciberturismo”
Por outra banda, na xornada darase unha interesante visión sobre os workshops (talleres especializados) e o networking (establecemento de contactos profesionais de interese nun determinado sector).
Os encargados de dirixir estas “Conversas” serán David Pozo, socio director de El Colectivo Wiley e Javier Barreira, CEO (Chief Executive Officer) en Tic & Tic e formador en áreas de marketing on line.
O sábado 23 de febreiro é a data escollida para celebrar esta xornada no marco do III Salón Turístico de Galicia, o cal terá lugar do 22 ao 24 de febreiro no recinto Feira Internacional de Galicia.
Importancia das novas tecnoloxías
As novas ferramentas dixitais terán gran protagonismo no programa de conferencias desta edición de Turexpo Galicia, en resposta á demanda do seu coñecemento por parte dos profesionais do sector.
Así, no salón tamén se celebrará unha xornada sobre o chamado Search Marketing, un tipo de mercadotecnia centrada nos buscadores web.











