Turexpo Galicia abre mañá as súas portas con 247 firmas expositoras e cerca de 80 turoperadores

Visitantes
O III Salón Turístico de Galicia abre mañá as súas portas no recinto Feira Internacional de Galicia coa presenza de 247 firmas expositoras, das cales 122 son expositores directos e 125 indirectos. O salón permanecerá aberto ata o vindeiro domingo 24 de febreiro.
Turexpo Galicia será inaugurado mañá ás 12.00 horas polo Vicepresidente e Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, quen estará acompañado da directora da Axencia de Turismo de Galicia, Mª Nava Castro, da Alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, do director da Fundación Semana Verde de Galicia, Pedro Corbacho, e doutras autoridades.
Turexpo Galicia 2013 constituirá durante tres días unha plataforma de negocio para o turismo, un interesante escaparate de propostas turísticas para todos os visitantes e un foro de coñecemento para o sector. O certame dirixirase a profesionais e público xeral en busca de propostas e destinos, estando presentes os primeiros durante o primeiro día e medio do certame.
Na súa vertente profesional un dos piares fundamentais do salón será a súa Bolsa de Contratación Turística, unha efectiva ferramenta mediante a cal os expositores presentes no certame terán a oportunidade de poñerse en contacto con cerca de 80 turoperadores de 26 países para darlles a coñecer con detalle as súas propostas turísticas. Así, acoden operadores de Alemaña, Arxentina, Austria, Brasil, China, Dinamarca, EE.UU, España, Finlandia, Francia, Holanda, Hungría, Xapón, India, Italia, México, Noruega, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa, República de Corea, Romanía, Rusia, Suecia e Uruguai.
Así pois, a participación na Bolsa de Contratación Turística supón un éxito cuantitativo tanto polo importante número de turoperadores como pola cifra de países presentes, xa que esta última é a maior rexistrada na feira ata o momento; e tamén cualitativo, xa estes operadores proceden de países con gran interese como emisores turísticos e foron establecidos como prioritarios polo sector. Non en van, a Bolsa é a maior do noroeste peninsular.
No marco da Bolsa, a cal contou co apoio da Secretaría Xeral para o Turismo, a Rede Pexga (Rede de Plataformas Empresariais no Exterior de Galicia) e Turespaña, o salón contará tamén coa presenza dun periodista indio invitado, Devadeep Purohit, redactor xefe do Telegraph, o xornal inglés con maior tirada no este da India.
Actividades de gran interese
No marco do salón terán lugar diversas actividades que, ademais de complementar a súa área expositiva e a Bolsa de Contratación, reforzarán o carácter de Turexpo Galicia como foro de debate e coñecemento para o sector.
Proba disto é que se celebrarán xornadas de gran interese para os profesionais do turismo durante os dous primeiros días. Na primeira delas, “O primeiro paso é que te encontren: Search Marketing para o turismo”, debullaranse as vantaxes e as estratexias que compoñen este tipo de mercadotecnia basada nos buscadores web, mentres que a segunda contará con varios relatorios que conformarán “Conversas sobre o uso de ferramentas e tecnoloxías avanzadas para volver vender viaxes, servizos e experiencias”, e que se centrará en aspectos como o marketing dixital, social e experiencial, os workshops (talleres especializados) e o networking (establecemento de contactos profesionais de interese nun sector).
Así mesmo, o salón acollerá unha xornada centrada na innovación empresarial no sector turístico e as novas oportunidades de negocio, dando a coñecer sete medidas turísticas innovadoras para fortalecer as empresas en tempos de crise e detallando a posibilidade de converter un recurso de patrimonio industrial nun produto turístico atractivo.
O programa de actividades para profesionais tamén incluirá diversos workshops e numerosas presentacións, tanto gastronómicas como de destinos e paquetes turísticos.
En canto ao público xeral, ademais de coñecer as propostas das empresas e entidades presentes no certame, tamén poderán participar en degustacións e sorteos de estancias en diversos aloxamentos e destinos, así como en actividades de maxia e de turismo activo, tales como tirolina, rappel, rocódromo, tiro con arco ou paintball.
Cerca de 100 autocaravanas
No marco do salón terá lugar unha gran concentración de autocaravanas. Organizada pola Asociación Galega de Autocaravanas (AGA), contará coa participación durante os tres días de cerca dun centenar de autocaravanas e 240 persoas procedentes de distintos puntos das catro provincias galegas, de Cantabria e de Asturias.
Estes caravanistas, socios de AGA, acudirán o sábado pola mañá á asemblea xeral da asociación, dispoñendo despois de tempo libre para coñecer os destinos, establecementos, ofertas e paquetes turísticos presentes na área expositiva do salón, e tamén para acudir a algunha das conferencias e presentacións, participar nos seus sorteos e degustacións ou realizar actividades de turismo activo.











