Susanna Griso destaca o Cocido de Lalín como “O mellor do mundo”

Instante do discurso de Susanna Griso
A XLV Feira do Cocido, declarada Festa de Interese Turístico Nacional, atrouxo hoxe a Lalín a 60.000 persoas e a un amplo número de medios de comunicación, tanto de cobertura autonómica como nacional, baixo o pregón que ofreceu Susanna Griso, periodista e presentadora do magazine “Espejo Público”, de Antena 3, programa líder de audiencias.
Este día grande do Cocido iniciouse ás 10.45 horas coa recepción na Casa Consistorial das autoridades entre as que se atopaba o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ademais do vicepresidente Alfonso Rueda e de varios conselleiros, entre outras moitas personalidades.
Sobre ás 10.45 horas deu comezo o XIV Capítulo Xeral da Encomenda do Cocido presentado por Xacobo Pérez, na que se incorporaron a esta orde dez novos Comendadores: a pregoeira Susanna Griso; o presidente da Real Academia de Gastronomía, Rafael Ansón; o avogado Carlos Lema Devesa; o secretario da Federación de Asociacións da Prensa e Televisión Esteban Verdes; a actriz Vanessa Romero; o escultor cambadés, Manolo Paz; o director de Estudio de Comunicación Iñaki Torres; o primeiro presidente da Xunta de Galicia, Gerardo Fernández Albor; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad e o director xeral de Agbar Madrid, Arsenio Olmos. Ademais nesta edición estreouse como escribán da Encomenda o sacerdote e xornalista lalinense afincado en Madrid, Andrés Ramos.
Ao remate da encomenda, a comitiva na que se integrou a pregoeira Susanna Griso e os Comendadores abrindo paso coa Banda de Gaitas da Deputación de Pontevedra, desprazouse cara ao campo da feira onde procederon á apertura do recinto onde se venden tanto as cárnicas como queixos e demais produtos. De seguido tamén visitaron á carpa “Lalín, Compromiso de Calidade” na Praza da Igrexa, na que están integrados 23 artesáns e produtores da zona e que darán a coñecer as excelencias dos seus produtos.
A continuación, a comitiva dirixiuse ao palco de autoridades, situado no Quilómetro O de Galicia, para escoitar o pregón a cargo de Susanna Griso. A presentadora e condutora de “Espejo Público” comezou a súa intervención facendo unha comparación entre o oficio de periodista e o de pregoeiro: “… O noso oficio de periodista ten moito de pregoeiro. Antes era a pé ou a cabalo, onde un home facía saber a pleno pulmón e armado só das súas cordas vogais, os asuntos de interese común. Séculos despois, o oficio non ten cambiado demasiado. Cabalgamos as ondas e contámoslles historias á xente… Só que antigamente, se o pregoeiro traía malas noticias, os mozos do pobo o tiraban ao pilón. Agora á audiencia, máis diplomática, bástalles con cambiar de canle…”.
MODO DE ENTENDER A VIDA
Griso destacou a calidade do Cocido de Lalín e dixo que “tedes o mellor Cocido do Mundo… É moito máis importante do que pensades porque é algo voso. Que vos distingue. Que di perfectamente como sodes, de que pé coxeades e como entendedes a vida…”.
LALÍN E MADRID
A condutora de “Espejo Público” fixo unha comparativa entre Lalín e Madrid xa que “Madrid, a cidade que me adoptou, é o Quilómetro Cero do país e Lalín éo de Galicia… Madrid é unha cidade que acolle ao que chega como propio, aquí en Lalín, demostrástesme que tratades ao último que chega como se fose o primeiro que habitou un castro… Pero aínda hai algo máis que une a estas dúas cidades. A súa paixón polo cocido. O seu amor polo fogo lento. A culler como modo de vida…”
Así mesmo tamén indicou que “vosa pócima -o Cocido- ademais encarna os catro elementos da antigüidade… Da terra vén a pataca galega de mundial fama, as fabas, os grelos, os gloriosos garabanzos… Nesa mesma terra críanse os porcos, o animal máis xeneroso que coñezo…”. De seguido precisou que “o da comida é o ritual que une e reúne a grandes e pequenos… Veño dunha familia numerosa de moitos irmáns e ao redor dunha mesa teño os mellores recordos”.
Por último Susana Griso concluíu o seu pregón dando unha boa noticia aos milleiros de visitantes da Feira do Cocido: “Non se trata da última receita chegada dos chefs de Paris… Non é a última das modas na alta cociña… É o voso Cocido, que sempre estivo e estará, esperando fumeante que vos sentedes a compartilo”, dixo.
A estas horas estase a celebrar o desfile de carrozas e comparsas que conta con seis carrozas etnográficas elaboradas por veciños doutras tantas parroquias e dun total de 16 agrupacións musicais e comparsas de entroido. Nesta xornada festiva está ademais aberto o comercio. Pola tarde continuará a festa da man do rancho folclórico “Os camponeses de Arosa”, de Cabeceiras de Basto (Portugal), que actuarán na carpa da Praza da Igrexa.











