Rey Varela destaca a figura política de Jose Canalejas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+
Acto de homenaxe

Acto de homenaxe

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presidiu o venres, 15 de febreiro, o acto institucional en homenaxe a José Canalejas Méndez (1854-1912) organizado con motivo do centenario do pasamento deste político e intelectual ferrolán. O Salón de Plenos do Pazo Municipal encheuse para asistir a este evento, que consistiu nun relatorio a cargo da catedrática de Historia Contemporánea da Universidade da Coruña, Carmen Fernández Casanova.

Na súa intervención, Rey Varela subliñou que “Ferrol ten un amplo legado histórico de personalidades que sobresaen ou sobresaíron nos máis variados ámbitos da sociedade”, e referiuse en concreto a Concepción Arenal, Segura Torrella, Gonzalo Torrente Ballester, Antonio Usero, Ramón Plá y Monge –Marqués de Amboage- e aos enxeñeiros Andrés Avelino Comerma e Joaquín González Llanos. Neste listado de ferroláns ilustres enmarcou a Jose Canalejas, “un persoeiro que, como os anteriores, levou o nome de Ferrol polo mundo adiante e traballou arreo para conseguir unha cidade mellor, máis próspera e da que as xeracións que o precederon puideran sentirse orgullosos”, dixo.

Ao respecto da traxectoria de Canalejas, Fillo Predilecto de Ferrol, o primeiro edil da cidade salientou que foi “unha persoa clave na política española e na historia de España, e un dos máximos valedores da súa cidade natal, Ferrol, á que regresaba sempre que as súas ocupacións llelo permitían”. Entre os postos de responsabilidade que ocupou destacan o de deputado, subsecretario, ministro de Gracia y Justicia durante o reinado de Alfonso XIII e presidente do Consello de Ministros –entre 1910 e 1912-, “o único ferrolán que chegou a tan elevadas cotas de responsabilidade”, apuntou Rey Varela. Por último o alcalde sinalou que Canalejas “atesorou unha política avanzada na súa época”, e que era unha persoa “vehemente nas súas manifestacións e firme defensor da orde pública”. Ademais, citou ao profesor ferrolán Xosé Ramón Vázquez Martínez, presidente da Sociedade Galega de Grafoloxía, para referise ao “pensamento vivaz e fluído” de Canalejas.

Relatorio

Na súa conferencia, a catedrática Carmen Fernández Casanova fixo un repaso do contexto histórico no que xurde a figura de Jose Canalejas e do Partido Liberal ao que pertenceu. Así mesmo, definiu a figura deste ilustre ferrolán como a “dun político pragmático, postulado á esquerda dentro do seu partido e favorable á democratización do réxime da Restauración e de avanzar cara unha sociedade cada vez máis laica”.

25 de febreiro de 2013 | 20:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.