Reunión para ultimar detalles técnicos da regularización das parcelas de San Rafael

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalMos
A-
A+
Instante da reunión

Instante da reunión

Esta mañá reuníronse no Concello de Mos a Rexistradora da Propiedade de Redondela Cristina Rollán Salgado, a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, representantes da Asociación de Veciños de San Rafael-Pereiras, o tenente alcalde e concelleiro de Facenda e Patrimonio, Óscar Soto, a edil natural da parroquia de Pereiras, Kely Monzón e o Secretario municipal.

O obxecto desta xuntanza foi informar á asociación veciñal dos trámites e requisitos legais esixidos para encauzar a recta final do expediente de regulación das Vivendas Sociais do Barrio de San Rafael. Neste sentido, durante a reunión informouse ós veciños de San Rafael presentes na reunión da necesidade dun acordo global e da conveniencia de que, unha vez que exista dito acordo entre todos eles, ir preparando a escritura notarial na que se pretende recoñecer a propiedade dos afectados sobre as parcelas anexas ás súas vivendas. A finalidade delo non é outra que a de poñer fin a unha reclamación secular pola que os veciños de San Rafael solicitaban a atribución das parcelas que figuraban como colindantes ás súas vivendas nos planos, primeiro do Ministerio de Vivenda e, posteriormente, do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).

Con esta reunión deuse un novo paso no procedemento destinado a regularizar a situación xeral dos propietarios do barrio de San Rafael, na parroquia mosense de Pereiras. Dende o incio deste proceso, que deu comezo no ano 2011, tratáronse cuestións relativas á delimitación do ámbito afectado, a determinación das parcelas obxecto de regularización e o procedemento xurídico necesario para que os veciños de San Rafael puideran normalizar a súa situación patrimonial no que se refire ás súas respectivas propiedades ou vivendas.

No encontro de hoxe celebrado no Concello, representantes municipais e Rexistradora da Propiedade, puideron explicarlles con detalle ós membros presentes da A.V.V. San Rafael de Pereiras a situación actual na que se atopa o procedemento de regularización das parcelas anexas ás súas vivendas. Asimesmo, durante a reunión, a rexedora local mosense manifestoulles ós veciños de San Rafael o completo apoio do equipo de goberno municipal, así coma a súa disposición para exercer mediación en aras de solucionar unha demanda veciñal que dende o Concello se considera xusta.

20 de febreiro de 2013 | 13:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.