Reservan prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida no Centro de Saúde
O Concello de Ribadumia continúa co seu plan para mellorar a accesibilidade no municipio, e nesta ocasión céntrase na sinalización de prazas de aparcamento no entorno do Centro de Saúde. Así, reserváronse sendas prazas para que as persoas con mobilidade reducida poidan aparcar os seus coches nun lugar próximo á entrada do centro, pero tamén se reserva un sitio para a parada das ambulancias.
Asemade, os operarios municipais traballan en rematar a construción dunha beirarrúa na Capela de Barrantes, que elimine as barreiras arquitectónicas e garanta a seguridade vial dos peóns, mantendo o ancho e as distancias que están previstas no plan xeral de ordenación municipal. Xa se eliminaron as barreiras en practicamente todas as instalacións municipais, e o seguinte paso é acondicionar as beirarrúas do municipio que non cumpren coa accesibilidade, acción para a que o Concello de Ribadumia xa ten reservada unha partida económica nos orzamentos municipais.











