Promoción empresarial, comercio e emprego
Ata 200 prazas de formación para xóvenes desempregados de Nigrán
Menos dunha semana despois de anunciar a posta en marcha de accións dirixidas a fomentar a formación e reducir a taxa de desemprego entre os veciños de Nigrán, o rexedor municipal, Alberto Valverde, asinou hoxe con Patricia García, socia consultora do Grupo Femxa, un convenio de colaboración dirixido a dinamizar a formación de mozos desempregados no municipio, que ofertará entre 150 e 200 prazas, así como o seu acceso ao mercado laboral coa oferta de práctica laborais non remuneradas, preferiblemente en empresas da zona.
O Concello de Nigrán, na procura de mellorar as oportunidades dos seus cidadáns, asinou hoxe un convenio de colaboración coa consultora de formación Grupo Femxa.
Mediante esta rúbrica, o rexedor municipal asegura que os mozos desempregados do municipio teñan prioridade no proceso de selección e participación da oferta formativa de Grupo Femxa, unha oferta totalmente gratuíta para os alumnos posto que está financiada polo Servizo Público de Emprego Estatal e pola Fundación Tripartita para a Formación no Emprego.
Inscricións
As persoas interesadas en realizar estes cursos poden dirixirse desde hoxe ao Grupo FEMXA, ao correo electrónico jovenesdesempleados@grupofemxa.com ou ao teléfono gratuíto 900 100 957.
Acceso ao mercado laboral
Este proceso permitirá acceder aos mozos ao mercado laboral nun momento no que a elevada taxa de desemprego supera o 50%. “Hoxe é máis necesario que nunca realizar unha aposta sólida pola formación e inserción dos mozos, xa que o investimento no capital humano en forma de actualización e especialización é motivo de diferenciación dos traballadores, e en consecuencia, das empresas”, explica o rexedor municipal.
A oferta formativa, que persegue alcanzar ou mellorar a especialización laboral dos mozos combina formación e-learning e prácticas non laborais en empresas da provincia. Entre as accións ofertadas figuran Intervención na Atención Hixiénico-Alimentaria e Socio-sanitaria en institucións; Desenvolvemento Tecnolóxico de Aplicacións JAVA; Innovación no Proceso de Venda: E-commerce e Community Management e Técnico de Internacionalización, entre outras.
Medidas contra o desemprego
A pesar das limitadas competencias que unha administración local ten en materia de emprego, o goberno de Alberto Valverde porá en marcha máis medidas dirixidas a reducir un dos maiores problemas que afronta este país, o desemprego.
“Non obstante os reaxustes, o orzamento municipal deste ano contemplará unha partida específica para o desenvolvemento de medidas de promoción de emprego e formación para os nosos veciños”, reiterou Valverde.
Doutra banda, o goberno municipal priorizará, dentro da legalidade, a contratación de empresas locais que empreguen a veciños e veciñas de Nigrán, para as obras e servizos promovidos desde a administración. Así mesmo, priorizará a aquelas empresas que empreguen a veciños do municipio para executar os traballos a desenvolver.
A posta en marcha definitiva do parque empresarial Porto do Molle -tanto pola instalación de empresas como polas facilidades a emprendedores-, será un novo impulso para un dos nosos principais obxectivos, reducir a taxa de desemprego no municipio.
Grupo Femxa
Consultora líder en formación a nivel estatal, con máis de 10 anos de experiencia, o grupo xestionou máis de 1.200 plans de formación e formou a máis de 350.000 alumnos. Entre estas cifras, mellorou a cualificación de máis de 50.000 desempregados, de máis de 30.000 maiores de 45 anos, de máis de 10.000 inmigrantes, e de máis de 1.500 persoas con discapacidade; converténdoa na consultora de referencia para colectivos sociais con dificultades de inserción laboral.











