Prácticas de manexo de maquinaria forestal con tecnoloxía 3D

Alumno na simulación
María José Batán, concelleira de Actividade Económica, Comercio e Emprego, informa que “o alumnado do curso de <Apeo e procesado de árbores>, impartido no proxecto Lalín Inserta, visitou entre os días 15 a 18 deste mes o Centro Integrado de Formación Profesional de Santiago, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, para realizar prácticas de manexo de maquinaria forestal”.
A responsable municipal sinala que “nas ditas actividades formativas os alumnos empregaron a última tecnoloxía en simuladores virtuais, co que conta este CIFP de Santiago, centro de referencia nacional no sector forestal, para adestrar aos operarios de procesadoras e autocargadoras forestais que traballan no monte”.
É de destacar que o emprego de procesadoras está supoñendo un cambio substancial na mecanización e modernización dos labores de tala e extracción da madeira que se realizan nos montes galegos.
Batán explica que “os participantes realizaron exercicios prácticos e recibiron formación especializada. A través do simulador virtual forestal practicaron tanto as habilidades de manexo de maquinaria pesada -neste caso, a procesadora- como as técnicas de planificación da tala para a optimización do seu rendemento”.
O simulador virtual forestal é unha tecnoloxía 3D de última xeración. Conta cun sistema multipantalla e permite a simulación en diferentes escenarios, mediante o uso dunha plataforma móbil oscilante que recrea as pendentes e os distintos tipos de terreo do monte galego.
“Desde a Concellería de Emprego queremos agradecer as facilidades dadas desde a dirección deste centro para a utilización das súas instalacións no beneficio da cualificación dos participantes na formación na área forestal”, conclúe Batán.











