Peña consegue o compromiso de Medio Ambiente para financiar a ponte de Barrantes
A alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña, conseguiu o compromiso do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, para financiar a construción da nova ponte de Portela, que une Barrantes con Sisán sobre o río Armenteira. Tras varias reunións co responsable da consellería, finalmente Salomé Peña dá un paso adiante neste proxecto e consigue a colaboración económica para poder levalo a cabo. Segundo as estimacións realizadas desde o Concello de Ribadumia, que está pendente de recibir as últimas autorizacións por parte de diferentes administracións, a previsión é adxudicar a obra en marzo, e comezar a súa execución de xeito inminente.
A solución proposta no proxecto prima a construción dunha nova ponte sobre o río Armenteira e evitar a reparación da antiga. Os estribos ubicaranse fóra do cauce do río, co fin de evitar a inestabilidade na que se atopa actualmente. Proxectarase unha ponte cunha sección de 10.30 metros que inclúen barreiras, arcéns e carrís de dobre sentido. Ademais, tamén está contemplado no proxecto o paso por esta ponte da futura senda fluvial entre Barrantes e Sisán. O orzamento da obra ascende a 239.062,95 euros. Desta cantidade, 200.000 euros estaría financiados pola consellería, mentres que o Concello de Ribadumia asume con cargo a fondos propios os 39.000 euros restantes e a redacción do proxecto, gastos que xa están contemplados no orzamento municipal deste ano.
A ponte de Barrantes a Sisán pechouse como medida de prevención polo seu estado e para garantir a seguridade dos usuarios. Desde entón, o Concello de Ribadumia estivo traballando permanentemente. Primeiro, coa realización dun estudo xeotérmico que concluíu que é preciso construír unha ponte nova e non reparar a existente. E posteriormente, coa redacción do proxecto de construción e a busca de financiamento. Unha vez rematado o proxecto, xa se remitiu aos diferentes organismos para que autoricen a execución da obra. Estas autorizacións solicitáronse a Costas, ao Servizo de Conservación da Natureza e a Augas de Galicia.
O Concello de Ribadumia propón como medida alternativa de circulación o lugar de Muíños Novos. Aínda que supón dar un pequeno rodeo con respecto á ponte de Portela, o que prima nesta situación é a seguridade dos condutores e dos peóns, polo que se confía en que os usuarios teñan a máxima comprensión con esta decisión.











