Os alumnos de sexto de Primaria do Colexio Lar, gañadores do concurso de murais

Mural gañador
Xa se produciu o fallo do concurso de murais de Entroido organizado polas concellerías de Educación e Cultura mosenses para os centros de Educación Primaria e Escolas Infantís do Concello de Mos. Tras a deliberación do xurado, resultou gañador o mural confeccionado por 25 alumnos e alumnas de sexto curso do Colexio Lar, ata o que se achegou esta mañá a edil de Educación mosense, Kely Monzón, para levarlles o premio acadado.
O premio para os creadores do mural gañador consiste nun lote de libros para a biblioteca do centro educativo, así coma un agasallo individual para cada un dos 25 alumnos/as que participaron na obra.
A exposición de tódolos traballos presentados terá lugar o día 11 de febreiro na Festa Infantil de Entroido que se celebrará no Pavillón Óscar Pereiro, de 17.00 horas a 20.00 horas.
Sara Cebreiro e Kely Monzón, concelleiras de Cultura e Educación, respectivamente, declararon sobre este concurso que “con el quixemos potenciar a creatividade dos/as nosos/as escolares e sobre todo fomentar a participación en actividades manuais e de grupo con motivo da celebración do Entroido”, explicaron esta mañá as edís.
Monzón aproveitou a visita matinal ó Colexio Lar para lembrarlles ós cativos que o luns 11 de febreiro celebrarase unha Festa Infantil de Disfraces no Pavillón Óscar Pereiro a partir das 17.00 horas. A entrada é de balde pero con aforo limitado na entrada ese mesmo día, e está dirixida a nenos e nenas empadroados e/ou escolarizados en Mos con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.
As actividades nas que poderán participar os cativos que acudan a esta festa serán globoflexia, animación musical, interacción con diversas personaxes de fantasía, xogos cunha máquina de pompas de xabón e agasallo, a cada un dos nenos, cunha pulseira luminosa. Na festa contarase tamén cun taller de maquillaxe e con dous hinchables para os nenos menores de tres anos, que deberán permanecer sempre baixo a supervisión e coidado dos seus pais.
E por último a concelleira de Educación e Participación Cidadá recordou que os Obradoiros Infantís de Entroido terán lugar no Multiusos das Pozas os días 11, 12 e 13 de febreiro en horario de mañá, de 09.00 horas a 13.00 horas. Neles poderán participar nenos e nenas empadroados e/ou escolarizados en Mos de3 a 12 anos de idade. Esta actividade inclúe servizo de transporte en autobús dos rapaces participantes ata o Multiusos e de regreso ós seus domicilios.











