O salón Turexpo Galicia pecha a súa terceira edición tras recibir 10.000 visitantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTurexpo
A-
A+
Visitantes a Turexpo

Visitantes a Turexpo

O salón turístico Turexpo Galicia pechou hoxe as súas portas no recinto Feira Internacional de Galicia tras tres días de intensa actividade e unha asistencia estimada de 10.000 visitantes, entre os que se rexistraron tanto  profesionais durante o seu primeiro día e medio como público xeral en busca de propostas e destinos durante todos os días.  Respecto á asistencia, empresas e entidade que tamén participaron na anterior edición manifestaron á organización a percepción dun  aumento considerable de visitantes respecto á convocatoria de 2011.

Dende o venres pasado ata hoxe, este público asistente puido coñecer a oferta dun total de 247 firmas expositoras, das cales 122 foron expositores directos e 125  indirectos, e tamén participar nas diversas actividades que conformaron o seu programa.

Na súa vertente profesional, e como proba do valor deste certame como espazo de intercambio comercial, levouse a cabo unha gran Bolsa de Contratación Turística na que se celebraron máis de 4.500 reunións de negocio entre 150 expositores dos que o 90% eran galegos e 70 turoperadores de 22 países, cifra esta útlima lixeiramente inferior aos confirmados inicialmente debido á folga de Iberia, que impediu viaxar a algúns deles para participar na Bolsa. Os países de procedencia dos turoperadores foron Alemaña, Arxentina, Austria, EE.UU, España, Finlandia, Francia, Holanda, Hungría, Xapón, India, Italia, México, Noruega, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa, República de Corea, Romanía, Suecia e Uruguai. 

No marco da Bolsa, a cal contou co apoio da Secretaría Xeral para o Turismo, a Rede Pexga  (Rede de Plataformas Empresariais no Exterior de Galicia) e Turespaña, o salón contou tamén coa presenza dun periodista indio invitado, Devadeep Purohit, redactor xefe do Telegraph, o xornal inglés con maior tirada no este da India. Así mesmo, incluíu ao remate dos encontros de negocio tres viaxes de familiarización entre os que os turoperadores puideron escoller un, repartíndose así entre as viaxes denominada Fisterra “O Fin da Terra”-Turismo Mariñeiro-Camiño de Santiago, Rías Baixas-O Salnés e Vigo-Baiona-Nigrán.

Esta Bolsa de Contratación Turística, a maior do noroeste peninsular, supuxo un éxito cuantitativo tanto polo importante número de turoperadores como pola cifra de países presentes, e tamén cualitativo, xa que estes operadores procedían de países con gran interese como emisores turísticos e foron establecidos como prioritarios polo sector.  

O certame foi inaugurado o pasado venres polo Vicepresidente e Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, quen destacou a forte aposta polo turismo de calidade coa presenza de 70 turoperadores, que converte ao recinto feiral “no maior punto de encontro entre oferta e demanda do turismo”, ao tempo que considerou a feira como “a mellor oportunidade para seguir a promocionar o turismo galego”. Rueda estivo acompañado da directora da Axencia de Turismo de Galicia, Mª Nava Castro; da Alcaldesa de Silleda, Paula Fernández; do director da Fundación Semana Verde de Galicia, Pedro Corbacho, e doutras autoridades.

Actividades para os dous públicos

O salón contou cun interesante programa de actividades dirixido aos diversos axentes do sector turístico, as cales o converteron nun efectivo espazo de intercambio de ideas e análise da actualidade.

Así, leváronse a cabo diversas xornadas técnicas. O venres Elena Rodríguez Benito, Marketing Manager de Internet Advantage, falou do Search Marketing, un tipo de mercadotecnia basada nos buscadores, destacando a importancia de que os potenciais clientes dunha empresas turística a atopen facilmente no universo de internet e dando a coñecer que, segundo algúns estudos, nove de cada dez viaxeiros en 2012 solo se inspiraron online para a súa viaxe.

Xa o sábado, a Asociación de Profesionais de Turismo de Galicia (Proturga)  organizou unha xornada centrada na innovación no sector do turismo e as novas oportunidades de negocio. No seu transcurso Fátima Cachafeiro, consultora de turismo, deu a coñecer as sete medidas turísticas para fortalecer ás empresas en tempos de crise: creación de novos produtos, diferenciación, especialización, asociacionismo, novas ferramentas de promoción e comercialización, fidelización  e tamén análise e adaptación á demanda. Así mesmo, Iria Caamaño, docente da Universidade de A Coruña e guía especializada na comunidade de Galicia, falou das importantes oportunidades que ofrece o turismo industrial para ampliar a oferta turística, dando exemplos mesmo en Galicia, como a Ruta da Construción Naval  de Ferrol.

Tamén onte Javier Barreira, CEO (Chief Executive Officer) na empresa Tic & Tic e formador en áreas de marketing on line,  dirixiu as “Conversacións sobre o uso de ferramentas e tecnoloxías avanzadas para volver a vender viaxes, servizos e experiencias”. Nelas, este experto deu a coñecer o Real Time Bidding, o último en tecnoloxía publicitaria online, consistente na compra de audiencia en tempo real de usuarios que mostran interese por algún produto ou servizo. Así mesmo, falou doutras ferramentas e tecnoloxías avanzadas de gran interese para a promoción online no sector do turismo, como o Performance Digital Mark, o Email Marketing, os Buscadores, e os Medios Sociais.

O programa de actividades para profesionais tamén incluíu diversos  workshops e numerosas presentacións, entre elas as dos paquetes turísticos da Asociación Ouro Verde e de Turismo de Porto e Norte de Portugal, a da web e mapa de recursos de Terras do Deza, a do Museo da Minería de Fontao (Vila de Cruces), a do proxecto “Fin do Mundo” de Turismo de Finisterre e Mar de Galicia, a da Asociación Galega de Empresas de Turismo Activo e Natureza (AGETAN), a da Festa da Arribada de Baiona e a do Festival Port América de Nigrán.

En canto ás actividades de público xeral, ademais de coñecer as propostas das empresas e entidades presentes no certame, tamén puideron participar en numerosas  degustacións e sorteos de estancias en diversos aloxamentos e destinos, así como en actividades de maxia e de turismo activo, tales como tirolina, rappel, rocódromo, tiro con arco ou paintball.

Cerca de 100 autocaravanas

No marco do salón tivo lugar unha gran concentración de autocaravanas. Organizada pola Asociación Galega de Autocaravanas (AGA), contou coa participación durante os tres días de cerca dun centenar de autocaravanas e 240 persoas procedentes de distintos puntos das catro provincias galegas, de Cantabria e de Asturias.

Estes caravanistas acudiron á asemblea xeral da asociación e visitaron a área expositiva do salón, ademais de participar nas súas diversas actividades. Dende a Asociación destacaron que durante a súa estancia este asistentes fixeron un gasto superior aos 8.000€ no conxunto do concello.

Na mañá de hoxe AGA obsequiou á organización do certame en agradecemento á  súa colaboración  nas súas actividades durante a celebración. O presidente de AGA, Jorge Ferreiro, quen destacou a boa acollida coa que contaron, foi o encargado no acto de entregarlle un obsequio conmemorativos ao director da Feira Internacional de Galicia, Pedro Corbacho. Este agradeceu a súa presenza e anunciou que ambas entidades comezaron xa conversas sobre a posibilidade de acoller unha área de descanso para autocaravanas no recinto.

25 de febreiro de 2013 | 10:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.