O programa de educación ambiental para escolares ocuparase das eco-auditorías
O xoves e o venres desta semana continúan as actividades do proxecto de educación medio ambiental, deseñado pola concellería de Medio Ambiente e consensuado cos colexios, no que se recollen diferentes obradoiros a desenvolver nos centros educativos durante o presente curso escolar.
A actividade, dirixida ó alumnado de 3º e 4º de primaria, comprenderá unha parte teórica, outra práctica e outra reflexiva, sendo impartida por doce monitores de medio ambiente e un coordinador, todos eles voluntarios procedentes do campus de Lugo.
O xoves día 28 realizarase nos colexios A Gándara e CEIP Monforte de Lemos, pola mañá, e Infanta Elena, pola tarde, mentres que o venres día 1 de marzo será a quenda para Ferroviario e Fundación Torre de Lemos, pola mañá, e Escolapios, pola tarde.
A realización da eco-auditoría tén como propósito lograr que o alumnado identifique a súa “pegada ecolóxica” e da do seu centro escolar, intentando que se conciencien delo e procuren reducila.
Os obxectivos da eco-auditoría son:
– Coñecer a situación enerxética do centro docente.
– Analizar e valorar o uso que se fai da enerxía nos centros.
– Plantear posibles medidas de mellora da situación enerxética.
A actividade desenvolverase seguindo os pasos que se indican:
– Os monitores achegarán coñecementos básicos sobre aforro enerxético e sobre a “pegada ecolóxica”.
– O alumnado cubrirá uns cuestionarios onde se recollerán datos relacionados co edificio e o seu entorno: vexetación próxima ó edificio, ventás, material de construción do tellado, fontes de enerxía que utiliza o centro, iluminación, calefacción, refrixeración, etc…
– Unha vez recollidos tódolos datos do centro farase un informe diagnóstico que resuma os problemas e as posibles solucións para lograr un edificio ecoloxicamente viable.
– Elaboración dun informe final cos aspectos que se poidan mellorar e as posibles solucións que os/as alumnos/as propoñan para diminuír a “pegada ecolóxica” do centro.
Os obxectivos das actividades propostas pola concellería de Medio Ambiente dentro deste proxecto dirixido os/as escolares son:
– Sensibilizar e concienciar sobre o medio ambiente
– Recoñecer as zonas naturais locais
– Desenvolver hábitos de reciclado, redución e reutilización.
– Promover valores de respecto, coidado e protección do medio
No pasado mes de novembro realizouse a primeira destas actividades que, baixo o título de “Os tres RRR”, ocupouse da reciclaxe, a redución e a reutilización.











