O novo Servizo de Obras comeza a súa actividade con intervencións en Caranza

Obras de mellora
O Concello de Ferrol puxo en marcha o mércores, 13 de febreiro, o novo servizo de mantemento e reparación de viarios nas zonas urbana e rural do municipio. Unha prestación da que se ocupa a empresa Misturas S.A, que resultou a adxudicataria deste servizo que permitirá a correcta conservación de viarios, beirarrúas e espazos públicos da cidade. A entrada en funcionamento deste servizo de mantemento ten lugar despois de que a mediados do pasado mes de xaneiro o alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, asinara o contrato correspondente coa empresa concesionaria.
Así as cousas, dende hoxe e diariamente os operarios acometerán a reparación de calzadas, pavimentos e beirrarúas que se atopan en mal estado, eliminando as fochancas que poidan presentar. As primeiras intervencións céntranse naquelas fochancas que, atendendo aos informes dos técnicos municipais, revistan un maior risco de perigo para o tráfico para a circulación rodada e os viandantes. Tamén se dará prioridade as actuacións en fochancas que teñan causado reclamación por danos a Administración municipal e exista o pertinente informe por parte da Policía Municipal.
No que atinxe aos traballos feitos neste primeiros días de actividade, a empresa concesionaria actuou ou está a actuar en diferentes puntos do barrio de Caranza e no Paseo de Irmandiños. En concreto, no que atinxe a Caranza, os traballos centráronse no entorno da avenida do Mar e as rúas Masaia, Xosé Fontenla Leal e Enrique Granados. A previsión é que entre a xornada de tarde e a de maña, este servizo de reparación e mantemento de viarios actúe no paseo de Irmandiños. O número de operarios que hoxe traballan na reparación das rúas da cidade é de seis persoas.
1,2 millóns de euros
O Concello de Ferrol destinará 1,2 millóns de euros entre este ano e o seguinte ao servizo municipal de Obras, Mantemento e Reparacións de infraestruturas do municipio. Esta adxudicación poderíase prorrogar dous anos máis, polo que o investimento conxunto ascendería a 2,4 millóns de euros.
A posta en marcha deste servizo era moi agardada polo Concello de Ferrol. De feito, a Concellería de Medio Ambiente e Urbanismo comezou os trámites en xuño do ano pasado coa aprobación en Xunta de Goberno Local do prego de condicións e apertura do procedemento de contratación, no que participaron un total de 23 empresas.











