O grupo de maiores de Tomiño visitou o Centro de Día para celebrar o Entroido

Entroido no Centro de Día
O grupo de persoas maiores que participan no programa organizado pola Concellaría de Benestar Social, visitaron o Centro de Día de Tomiño, para celebrar o Entroido xunto cos usuarios deste entidade.
Antes de realizar a visita, os maiores tiveron que crear as súas máscaras, elaboradas con pasta de papel e pintadas a man. Unha vez no Centro de Día, Avelino Bouzada interpretou varios temas musicais co seu saxofón, que facía vinte anos que non tocaba, e, seguidamente, Orita Silva cantou varias cancións. Ambos ganáronse o aplauso do público.
O concelleiro de Benestar Social, Suso Montero, acompañoulles durante a visita e salientou a vitalidade destas persoas maiores, que a pesares da súa idade, amosan o seu desexo de participar nas actividades que se lles propoñen, dando exemplo aos máis novos.
A actividade forma parte do Programa de Maiores 2012-2013, no que participan unhas 30 persoas, con obradoiros de memoria, estimulación cognitiva, animación, excursións, etc.
Tamén teñen cabida neste programa actividades puntuais en datas sinaladas, como as debulladas, confección de alfombras florais ou máscaras de Entroido.
Os programas dos Servizos Sociais para xente maior, localizados no barrio da Rocha, veñen a sumarse aos prestados polo Centro de Día (único no seu tipo na comarca) e tamén situado nesta zona, así coma aos ofrecidos polo centro para persoas con discapacidade “Vontade”, que atende a uns 170 usuarios e usuarias.
Por último, hai que lembrar que Tomiño ten unha nova residencia de maiores privada, que atende a unhas 20 persoas e na que se realizan diferentes actividades de animación, estimulación, etc.
Todos estes servizos fan de Tomiño un municipio con calidade de vida, e cunha situación xeográfica privilexiada que lle converte nun lugar ideal para residir.











