O Goberno municipal empeza as obras de mellora e modernización das fontes
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Infraestruturas, empeza hoxe os traballos de mellora dun total de 32 fontes de beber que se reparten por diferentes rúas, prazas e xardíns da cidade. O proxecto forma parte do compromiso adquirido polo Goberno local de coidar e manter as instalacións que se sitúan nos espazos públicos, ofrecendo unha imaxe máis moderna.
O departamento que dirixe Martín Fernández Prado realizou un inventario de todas as fontes públicas da cidade e contabilizou a existencia de 325. A súa conservación e mantemento son considerados de interese municipal, polo que o Concello impulsou este plan de modernización daquelas instalacións que surten auga de xeito continuo e nas que, tras analizar o seu estado, os técnicos recomendan realizar obras de mellora.
En concreto, Infraestructuras reformará ou substituirá 32 fontes, aínda que existe a posibilidade de ampliar a lista final en caso de que, no transcurso dos traballos, se detecte que algunha máis así o require. O investimento inicial previsto para estas obras que arrancan hoxe é de 17.278 euros.
O proxecto consiste na colocación de interruptores temporizados de baixo consumo, que permitan unha axeitada xestión da auga, así como a instalación de billas e chaves de corte nas fontes que os técnicos consideren oportuno. En concreto, serán billas de pulsación suave, pois a maioría das fontes se construíron en pedra de cantería, polo que se aconsella instalar a billa no chan ao non resultar viable a súa colocación no pedestal. En calquera caso, os técnicos analizarán cada actuación de xeito individualizado, para así dar unha solución concreta a cada fonte. Ademais, realizarase traballos de limpeza, tratamentos hidrófugos, pintados, selados, limpeza de desaugadoiros e posta a punto das instalacións.
A Concellaría de Infraestruturas destaca que, en caso de ser preciso substituír a fonte, se optará por modelos accesibles, fabricados en aceiro inoxidable e con sistemas de xestión de auga mediante interruptor temporizado. O punto de subministración de auga será o actual, salvo que Emalcsa recomende outro. As fontes onde actuará neste proxecto o departamento que dirixe Martín Fernández Prado concéntranse sobre todo nas prazas Das conchiñas e España, os parques de Santa Margarida, Europa e Oza, os xardíns de Méndez Núñez e San Carlos e a praia de Oza.











