O concurso de disfraces pasa ao domingo e o desfile de carrozas ao martes
As previsións meteorolóxicas, que vaticinan choivas para varias xornadas do Entroido, forzan un troco nas datas desta tradicional celebración. O desfile de carrozas e comparsas, previsto para o domingo, trasládase ó martes de carnaval, mentres que o concurso de disfraces vaise celebrar este domingo no salón José Peña. A expectación pre carnavaleira vaise facendo notar, como o demostra o dato de que se cubriu o cupo de 10 equipos para competir no concurso de filloas que se celebrará o luns de entroido, con premios para as máis apetitosas e para quen cociñe maior cantidade en 30 minutos.
Os grupos implicados na celebración traballan con celeridade para ter a punto os traxes, disfraces, complementos, así como as respectivas plataformas engalanadas que lles permitirán estar presentes na festa máis extravagante do calendario anual.
No concurso de disfraces do domingo, poderán participar todas as persoas, asociacións ou colectivos que o desexen e deberán desfilar pola pasarela instalada no salón de congresos José Peña.
Para optar ós premios, o martes, as carrozas deberán desfilar obligatoriamente na orde establecida de antemán dende as 16.30 horas polo percorrido que parte da escalinata de San Tomé e que segue por avenida de Galicia, praza do Concello, avenida de Madrid, avenida da Coruña, paseo da Calzada e remata de volta na praza do Concello. O xurado deberá ter en conta a orixinalidade do deseño, laboriosidade e creatividade. Todas as carrozas e comparsas que realicen o pasarrúas obterán unha gratificación de 200 euros, mentres que as maquetas percibirán 100€.
O Entroido cambadés arranca o sábado, 9 de febreiro, cunha gran festa infantil no parque de Torrado, ás 16 horas, con música, inchables e obradoiros de maquillaxe e globoflexia.
O domingo de Entroido, a partir das 17 horas, o salón José Peña disfrutará co humor do inefable Isi da TVG, acompañado pola música do Dj Estudio XXI. A partir das 17.30 horas celébrase o gran concurso de disfraces nas categorías de infantil e adultos con premios ó mellor disfraz individual de 100 euros, parella 150€ e grupo 250€. Ás 19 horas, no mesmo escenario, nova actuación da charanga Krazzy Cabuxas.
O 11 de febreiro, luns de Entroido, vaise celebrar (no salón José Peña a partir das 16 horas) o baile infantil con animación e premios de ata 150 euros para os mellores disfraces nas categorías individual, parella e grupo. As 17.30 horas comezará o concurso de filloas que contará con premios para as habelenzas das mellores reposteiras ou reposteiros (100€ para as máis gostosas e 100€ para o maior número de filloas elaboradas en 30 minutos).
O Martes de Carnaval, celébrase o espectacular desfile das carrozas engalanadas, acompañado pola música da charanga Krazy Cabuxas. Na praza do Concello emitirase o fallo do xurado con premios de 500 euros á mellor carroza, 400€ á segunda e 300€ á terceira. Este gran desfile vai ser retransmitido polo humorista e showman Pepo Suevos, xunto co dúo M30.
O Mércores de Cinza procederáse ó tradicional enterro da Sardiña, travestida nun personaxe de actualidade que este ano será a “restauradora” Cecilia que masacrou o Ecce Homo de Borja. Ás 17.30 horas haberá degustación de doces típicos de Entroido elaborados pola asociación de Amas de Casa Albariño. Ás 19 horas, lectura do sermón e marcha funesta dende a praza do Concello ata a praia de San Tomé para enterrar a Cecilia que deformou o Ecce Homo de Borja.











