O Concello reparte lotes de alimentos entre familias carentes de recursos
O Concello de Ribadumia continúa esta semana co reparto de alimentos entre as familias con menos recursos económicos da localidade. A alcaldesa de Ribadumia ten asinados convenios con Amigos de Galicia, Cruz Vermella e co Banco de Alimento para distribuír lotes de alimentos de primeira necesidade entre os usuarios deste programa, co obxectivo de garantir que a situación económica que atravesan non inflúa na súa alimentación.
Así, entre hoxe e mañá repartiranse os lotes procedentes de Cruz Vermella e do Banco de Alimentos entre 15 familias do concello. Inclúen aceite, arroz, conservas, froita en conserva, galletas, xudías en conserva, leite, lentellas, pasta alimenticia á leite, tomate frito… O reparto destes lotes fanse catro veces ao ano e benefician a 39 persoas.
O ano pasado reforzouse de xeito importante o reparto de alimentos entre as familias con máis necesidade, grazas ao convenio asinado entre o Concello de Ribadumia e a Fundación Amigos de Galicia, o que permite repartir mensualmente alimentos entre oito familias carentes de recursos. Este venres volverase a facer un novo reparto.
Os principais receptores destas axudas alimentarias son persoas ou familias que se atopan en situación de necesidade ou precariedade económica. Os técnicos do departamento de Servizos Sociais de Ribadumia estudan a situación concreta de cada familia. Como explica a alcaldesa Salomé Peña, “o Concello de Ribadumia atende de xeito comprometido a todas esas familias e veciños que precisan do noso apoio en situacións especialmente complicadas. As persoas que se atopen en dificultades poden acudir aos Servizos Sociais de Ribadumia para demandar o noso apoio, e alí serán atendidas e valorarase a súa situación de forma personalizada”.
O Programa de Alimentos forma parte dun paquete no que tamén se inclúen outros proxectos postos en marcha pola concellería de Servizos Sociais de Ribadumia e que están destinados ás persoas con menos recursos. Entre eles destacan o Programa de Emerxencia Social, o Roupeiro Municipal de Ribadumia ou o préstamo de camas articuladas hospitalarias e de sillas de roda, entre outros.
A emerxencia social son axudas económicas de carácter extraordinario, destinadas a paliar situacións de emerxencia que orixinen gastos extraordinarios para cubrir necesidades específicas de carácter básico e urxente. A maior parte desta partida está destinada a gasto de mantemento de vivendas, para garantir unhas condicións mínimas de habitabilidade; alimentación; gastos farmacéuticos; e equipamento básico para o fogar, tales como mobles ou electrodomésticos de primeira necesidade: frigoríficos, camas… En definitiva, un abanico de axudas para facer fronte a situacións de emerxencia social no municipio.
No que respecta ao Roupeiro Municipal de Ribadumia, conta con roupa para todas as idades, pero tamén con sabas e mantas.











