O Concello rebaixará o imposto sobre construcións aos negocios e industrias que xeren emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrtigueira
A-
A+

O Concello de Ortigueira aprobou inicialmente o pasado luns, durante a reunión ordinaria do pleno, a modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre construcións, instalacións e obras. O obxectivo de Rafael Girón é introducir bonificacións que favorezan o asentamento no municipio de novas empresas e negocios e, en paralelo, axudar a reformar ou acondicionar instalacións xa existentes. O goberno local aprobou en solitario a medida.

Ademais das axudas de 10.000 por traballador para as empresas que se instalen ao longo do 2013 no polígono industrial de Cuiña, o concello aprobou onte descontos no ICIO para obras de acondicionamento, rehabilitación, ampliación ou nova construción destinadas a locais de negocios abertos ao público ou instalacións de infraestruturas vinculadas a actividades industriais.

Estes descontos, un compromiso electoral do actual alcalde para dinamizar a economía local e favorecer o emprego, implicarán, en calquera caso, o mantemento ou creación de postos de traballo estable. De feito, será requisito para beneficiarse manter a actividade e os postos de traballo un mínimo de cinco anos, no caso contrario haberán de reintegrarse as axudas ao concello. Ademais, será o número de postos de traballo que xere o negocio/industria que determine a porcentaxe de bonificación a aplicar.

Os negocios con menos de vinte traballadores poderán beneficiarse dun desconto do 50%, correspondéndolles aos que conten cun número maior, unha rebaixa do 80%. A medida foi unha das ideas incluídas entre as propostas avanzadas pola Concellaría de Emprego para a dinamización do sector comercial e hostaleiro.

En canto ás “infraestruturas vinculadas a actividades industriais”, as porcentaxes oscilarán entre o 70% (ata dez traballadores), 80% (de once a vinte traballadores) e 95% (máis de vinte empregos).

O Pleno da Corporación local deberá declarar, por maioría simple e previa solicitude do interesados, o “especial interese ou utilidade municipal” dos proxectos de obra, atendendo a circunstancias sociais, culturais, histórico artísticas ou, neste caso, fundamentalmente de fomento do emprego.

O goberno local confía en que estes descontos sirvan, neste momento de crise, para facilitar ao máximo que novas iniciativas empresariais se implanten en Ortigueira e as empresas e establecementos comerciais ou de calquera outro tipo que xa funcionan no municipio poidan modernizar ou ampliar as súas instalacións para potenciar os seus negocios, contribuíndo ademais a crear novos empregos na localidade. A oposición socialista evitou apoiar a medida, optando pola abstención.

27 de febreiro de 2013 | 18:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.