O Concello inicia a tramitación do convenio para a ampliación da factoría Larsa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

O alcalde, Tomás Fole, congratulouse do acordo acadado dado os beneficios que reportan para ambas partes e, sobre todo, polo positivo que resulta a nivel social que unha das empresas máis representativas e importantes de Vilagarcía aposte por quedarse en Vilagarcía, ampliar a súa produción e garantir os postos de traballo actuais con vista a un futuro crecemento. “Este acordo é moi importante para Vilagarcía nestes momentos de crise que o noso Concello está a sufrir de forma moi acusada co desmantelamento do tecido industrial. Neste contexto, entendemos que, máis que nunca, o Concello ten que axudar a que este tipo de proxectos para o desenvolvemento empresarial dunha das nosas industrias poda facerse realidade e, a diferencia doutros casos, como o de Cuca, estamos nas condicións de facelo porque temos marxe para negociar”. Fole explicou que para levar a cabo o proxecto de expansión, Peñasanta tiña unha serie de necesidades que o Concello podía facilitar, e que así llo solicitaron.

Incremento do patrimonio municipal e apertura dunha nova vía

Ademais de incorporar ao patrimonio municipal a finca coa casa solariega, a capela e o cruceiro, o Concello tamén se verá beneficiado xa que os cambios permitirá abrir unha nova vía xa contemplada no PXOM, alternativa á avenida das Carolinas e que contribuirá a aliviar o tráfico rodado no interior da cidade. En todo caso, Fole indicou que esta obra non se podería levar a cabo de xeito inmediato, xa que habería que esperar a que as situación económica sexa máis favorable para o Concello.

Pola súa banda, Pedro Astals, conselleiro delegado de Peñasanta, explicou que a política do grupo é a do firme compromiso coas localidades nas que están implantadas as súas empresas, de aí que á hora de promover o proxecto de expansión de Larsa non se pensara noutra posibilidade máis que en facelo en Vilagarcía. Astalts agradeceu a boa acollida que tivo o proxecto no Concello e agradeceu as facilidades que se lles están dando para poder facelo realidade coa maior axilidade.

Derivados de lácteos para a industria alimentaria

Segundo comentou o directivo do grupo Peñasanta, o proxecto prevé a reordenación da actividade industrial na parcela para ampliar as instalacións existentes e dar cabida á produción de produtos de nova xeración, como son ingredientes proteicos derivados de lácteos que se destinan á diversas ramas da industria alimentaria.

O desenvolvemento deste proxecto permitirá a Larsa aportar máis valor engadido á súa actividade, mellorar en aspectos de eficiencia e incrementar os seus niveis competitivos a efectos de ampliar a súa rpesencia nos mercados nacionais e dar o salto aos internacionais.

Astals explicou que a reordenación cambiará totalmente a fisionomía da parcela industrial e eliminará os aspectos que a afean. Confía en que a obra civil poida iniciarse pronto, unha vez tramitado o convenio, e anunciou un acto de inauguración para facer partícipe dos cambios e do novo proxecto de expansión a todos os vilagarciáns.

En canto aos postos de traballo, o conselleiro delegado comentou que o Plan de Negocio da empresa prevé manter a plantilla actual durante os anos 2014-15, pero dados os obxectivos de crecemento que se manexan unha vez executada a ampliación, o lóxico é que se xere novo emprego nos anos seguintes.

Tras unha consulta previa ante a Xunta de Galicia, comezouse a tramitación do convenio que se basea na redución do radio de protección patrimonial co que contan actualmente a cheminea da antiga factoría e o conxunto da casa solariega, ámbalas dúas construcións catalogadas e protexidas. A idea é conservar reducir o ámbito de protección que os rodea a efectos de gañar 9.000 metros cadrados para facilitar a reordenación e ampliación da factoría. Fole aclarou que a medida requirirá unha modificación puntual do PXOM, a efectos de recoller os cambios, pero non suporá variación algunha nin na calificación dos terreos nin no volume de edificabilidade que se manterán tal como están na actualidade no PXOM.

Informes da Xunta e aprobación en Pleno

A firma do protocolo levouse a cabo despois de que o aprobase o Consello da Xerencia de Urbanismo. Deste xeito o Concello pode xa iniciar a tramitación do convenio ante os organismos da administración autonómica a efectos de obter os informes correspondentes para proceder por último a aprobación do texto por parte do Pleno. A proposta remitirase á Consellería de Medio Ambiente, territorio e Infraestructura para que a informe a efectos urbanísticos e tamén para determinar si é preciso contar con estudio de impacto ambiental. Tamén se remitirá á Dirección Xeral de Patrimonio, organismo encargado de dar o visto bo á redución de 30 a 15 metros do radio de protección da cheminea. Unha vez obtidos os informes favorables dos organismos competentes, o convenio deberá ser aprobado polo Pleno.

22 de febreiro de 2013 | 12:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.