O Concello festexa o día da lingua materna

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

O 21 de febreiro festéxase en todo o Mundo o día da lingua materna. O Concello de Ourense, a través da Concellería de Normalización Lingüística, súmase a esta iniciativa, convidando á celebración deste día a toda a cidadanía para que acheguen a súa visión individual sobre o uso da língua propia.

Desta forma, presentouse a campaña Gústame o Galego!, unha iniciativa da coordenadora de traballadores/as pola normalización lingüística, que logo de percorrer varias cidades galegas, desembarca o sábado día 23 en Ourense. Será no 2º andar do Centro Comercial Ponte Vella en horario de 11.30 a 13.30 e de 17.00 a 21.00 horas.

A actividade consiste nun Photocall no que as persoas que se acheguen serán fotografadas coa mensaxe que escollan. Hai moitas mensaxes que representan a distintos contextos e situacións da vida cotiá, onde se bota en falta a presenza da lingua propia. Desta forma quen se achegue o sábado poderá reivindicar aquelas eivas que a día de hoxe ten a nosa lingua.

Día da lingua materna

No 1999, a UNESCO decidiu crear o Día internacional da Lingua Materna, que desde entón cada 21 de febreiro se conmemora no mundo enteiro.

Esta data representa o día en 1952, cando estudantes que se manifestaban polo recoñecemento da súa lingua Bangla, como un dos idiomas nacionais da entón Paquistán foron mortos a tiros pola policía.

O propósito desta conmemoración é promover a diversidade lingüística e a educación plurilingüe, con miras a fomentar a sensibilidade sobre a importancia do ensino na lingua materna.

As linguas son os instrumentos máis poderosos para a preservación e o desenvolvemento do noso patrimonio cultural tanxible e intanxible. Toda iniciativa para promover a difusión das lingua maternas non só servirá para incentivar a diversidade lingüística e a educación multilingüe. Senón tamén para crear maior conciencia sobre as tradicións lingüísticas e culturais arredor do mundo e inspirar a solidariedade baseada no entendemento, a tolerancia e o diálogo.

Neste ano 2013 a UNESCO quere poñer especial importancia no tema específico deste ano que é o acceso aos libros e medios de comunicación dixitais nos idiomas locais.

O libro, eixo da educación en lingua materna

Aspecto tan deficiente na nosa lingua, na que nos últimos anos pecharon os xornais diarios que había na nosa lingua, na que se lexisla para o galego non estea presente na Educación infantil, na que se agocha e substitúe o termo normalización polo de dinamización, etc.

O Concello de Ourense ten manifestado o seu apoio á nosa lingua e recentemente, no pasado mes de xaneiro, o seu apoio á mobilización que tivo lugar en Santiago de Compostela en defensa do galego no ensino e contra o decreto do mal entendido plurilingüismo e agora queremos sumarnos a esta conmemoración coa campaña Gústame o Galego coa que queremos que se visibilice o apoio individual de persoas ao proceso de normalización lingüística a través de fotos con frases suxestivas sobre o uso do galego en diversos ámbitos e situacións.

A intención desta acción é provocarmos unha mínima reflexión en persoas de todo tipo sobre a necesidade de fomento do galego e a través da visión individual dos e das participantes evidenciar aqueles espazos onde o galego non está presente.

22 de febreiro de 2013 | 17:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.