O Concello e o Conservatorio convocan o curso “Música e movemento”
Por segundo ano consecutivo, o Concello de Carballo e o Conservatorio Profesional de Música poñen en funcionamento o curso “Música e movemento”. Esta iniciativa, que naceu o ano pasado baixo a coordinación da Concellaría de Cultura e que ten como obxectivo achegar aos máis cativos e cativas á música e ao descubrimento das familias instrumentais, persegue a finalidade de que cando poidan acceder aos estudos musicais oficiais, teñan unha pequena base musical e un coñecemento das distintas ferramentas musicais que lles facilite a elección do instrumento que poidan estudar.
A esta convocatoria poden concorrer todos aqueles rapaces e rapazas de 2º curso de Educación Primaria, prioritariamente veciños/as de Carballo, que desexen iniciarse no mundo da música. O curso é de carácter gratuíto e ten un límite de 30 prazas que se adxudicarán por rigorosa orde de inscrición.
Para anotarse nesta convocatoria, os/as interesados/as teñen un prazo que vai dende o luns 18 até o luns 25 de febreiro (ambos os dous días incluídos) e deberán facelo a través dunha solicitude que pode recollerse nas Oficinas de Cultura (situadas no 1º andar do Pazo da Cultura) ou descargarse nesta mesma nova nun documento en pdf. Na instancia descargable en pdf xa se aclara a documentación que se debe achegar con ela (como o Certificado de matrícula en 2º de Educación Infantil ou o Volante colectivo de empadroamento no Concello de Carballo, entre outros certificados) así como o lugar para presentala (Rexistro de Entrada do Pazo da Cultura de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas). Como novidade este ano só se admitirá a aquel alumnado interesado nos seguintes instrumentos: Viola, Violoncello, Contrabaixo, Tuba, Trompa, Bombardino, Friscorno, Percusión, Trompeta e Clarinete e tamén, será a primeira vez que, este curso, será tido en conta á hora de facer a preinscrición no Conservatorio para o curso 2013-2014.
Para a realización destes ou doutros trámites deberán dirixirse ao 1º andar do Pazo da Cultura (Oficinas de Cultura-Conservatorio), ben chamar por teléfono ao número de teléfono 981 704 300 ou enviar un correo electrónico miguel@carballo.org.











