O alcalde de Ferrol recibe ao novo delegado saharauí para Galicia

Instante da reunión
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, recibiu o venres, día 15 de febreiro, a visita do novo delegado saharauí en Galicia, Alali Emboiric Mohamed. A concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro; e a representante da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, Maite Isla, tamén participaron nesta reunión protocolaria que serviu de presentación do novo delegado do Sáhara na Comunidade Autónoma.
O encontro serviu para que o rexedor municipal informara ao delegado saharauí en Galicia do programa “Vacacións en Paz”, que ten en marcha a Concellería de Benestar Social. Así, o Concello ten aberto do período de solicitude para as familias que desexen participar nesta iniciativa, que ten por obxectivo procurar unha estancia agradable e humanamente ricas ao nenos e nenas saharauís durante os meses de verán, xullo e agosto. Estes nenos proceden dos campamentos de refuxiados saharauís en Tindouf (Alxeria), e o número de menores que cada ano veñen a Ferrol acollidos por familias da cidade oscila entre os 10 e os 12.
O prazo de solicitude do programa estará aberto até o vindeiro 22 do presente mes de febreiro. O lugar para inscribirse é o Edificio Social, situado na rúa Sánchez Barcaíztegui nº 35-47; sendo o horario de atención ao público o seguinte: luns, mércores e venres, de 09.00 a 14.00 horas. O Concello de Ferrol participa no programa “Vacacións en Paz” a través da firma dun convenio coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, sendo a achega municipal a esta iniciativa de 10.500 euros.











