Nigrán promocionará os seus atractivos turísticos en Turexpo Galicia
O municipio miñorano participará nunha nova feira para promocionar os seus atractivos turísticos. Así, estará presente no Salón de Turismo de Galicia “Turexpo Galicia”, que se celebrará no recinto feiral de Sillada entre os días 22 e 24 deste mes. Do mesmo xeito que o pasado ano a Bilbao, acudirá conxuntamente con Baiona, axuntando forzas e buscando sinerxías para dar a coñecer a beleza e a riqueza da comarca como destino turístico de calidade.
Na súa terceira edición, Turexpo Galicia reforzouse notablemente para ser máis eficiente na xeración de oportunidades comerciais. Con este obxectivo, o III Salón Turístico de Galicia -con proxección internacional- estableceu tres eixos principais e unha dobre orientación, a profesionais e a consumidor final, que se conxugarán de forma minuciosa para asegurar a rendibilidade de participación das empresas: a bolsa de contratación turística, a zona de expositores e a área de entretemento.
Bolsa de contratación turística
Ademais, o Concello de Nigrán convida á restauración e hostalaría local a participar de forma gratuíta na terceira edición desta bolsa, unha magnífica plataforma de negocios que permite aos participantes e asistentes mostrar os seus produtos turísticos a un elevadísimo número de turoperadores e almacenistas nacionais e internacionais, coas vantaxes do “face to face”.
“A participación nesta bolsa de contratación é unha oportunidade única para os nosos hostaleiros e restauradores, xa que poderán ofertar en primeira persoa os seus establecementos e os seus servizos a máis dun centenar de turoperadores”, sinalou o alcalde de Nigrán, Alberto Valverde.
Á cantidade de operadores sumarase a calidade dos mesmos como emisores turísticos, así como a garantía das reunións pre-agendadas, convertendo estas mesas nunha ferramenta de gran efectividade que xa cultivou en 2011 unha alta satisfacción entre os expositores coa celebración de máis de 4.500 reunións de negocio.
Tras a súa presenza en FITUR, á que acudiu baixo o auspicio de Turgalicia e Turismo Rías Baixas, Turexpo Galicia será a segunda feira do ano na que estará presente Nigrán. O próximo destino será Expovacaciones en Bilbao, salón no que estreou chan feiral o pasado mes de maio xunto con Baiona.
O rexedor municipal insistiu no valor que ten para o turismo local participar en feiras do sector, “xa que un terzo dos visitantes recibidos o pasado verán acudiron a Nigrán por primeira vez, grazas ás accións de promoción e participación en feiras levadas a cabo polo goberno municipal”, agregou. Neste sentido, subliñou a colaboración mutua entre Nigrán e Baiona, “unha procura de sinerxías que nos permite aos dous municipios promocionar a comarca en distintos puntos da xeografía española”.











