Nigrán e Baiona promóvense en Turexpo Galicia por primeira vez
Nigrán e Baiona participan xuntos nunha nova feira para promover os seus atractivos turísticos no Salón de Turismo de Galicia “Turexpo Galicia”, que se inaugura mañá no recinto feiral de Sillada. Ao igual que o pasado ano a Bilbao, os dous municipios da bisbarra xuntan forzas e buscan sinerxías para dar a coñecer a beleza e a riqueza da bisbarra como destino turístico de calidade.
Ambos os dous municipios insisten no valor que ten para o turismo local participar en feiras do sector. ” máis dun terzo dos visitantes recibidos o pasado verán en Nigrán acudiron por primeira vez, grazas ás accións de promoción e participación en feiras levadas a cabo polo goberno municipal, de forma individual e en colaboración co municipio veciño”, agregou o rexedor municipal, Alberto Valverde.
Unha colaboración baseada na complementariedade da oferta turística dos dous municipios, que permite ademais reforzar a presenza da bisbarra do Val Miñor no mapa turístico nacional e internacional. “A conxuntura económica actual obríganos a unha colaboración que está a dar os seus froitos e que, estou convido, seguirá dándoos no futuro”, sinalou Valverde.
Na súa terceira edición, Turexpo Galicia reforzouse notablemente para ser máis eficiente na xeración de oportunidades comerciais. Con este obxectivo, o III Salón Turístico de Galicia -con proxección internacional- estableceu tres eixes principais e unha dobre orientación, a profesionais e a consumidor final, que se conxugarán de forma minuciosa para asegurar a rendibilidade de participación das empresas: a bolsa de contratación turística, a zona de expositores e a área de entretemento.
Bolsa de contratación turística
Ademais, o Concello de Nigrán invita á restauración e hostalaría local a participar de forma gratuíta na terceira edición desta bolsa, un magnífica plataforma de negocios que permite aos participantes e asistentes mostrar os seus produtos turísticos a un elevado número de turoperadores e almacenistas nacionais e internacionais, coas vantaxes do “face to face”.
“A participación nesta bolsa de contratación é unha oportunidade única para os nosos hostaleiros e restauradores, xa que poderán ofertar en primeira persoa os seus establecementos e os seus servizos a máis dun centenar de turoperadores,” afirma Valverde.
Á cantidade de operadores sumarase a calidade destes como emisores turísticos, así como a garantía das reunións pre-agendadas, convertendo estas mesas nunha ferramenta de grande efectividade que xa obtivo en 2011 unha alta satisfacción entre os expositores coa celebración de máis de 4.500 reunións de negocio.
Visita de turoperadores
Así mesmo, as xestións realizadas dende os dous concellos permitirán que o próximo domingo máis de 20 representantes de turoperadores nacional e estranxeiros visiten os municipios de Nigrán e Baiona, unha oportunidade única para promover os nosos atractivos turísticos e consolidar a bisbarra como destino turístico para todos os públicos e todos os petos, agregou.
Próximo destino
Tras a súa presenza en FITUR, á que acudiu baixo o auspicio de Turgalicia e Turismo Rías Baixas, Turexpo Galicia será a segunda feira do ano na que estará presente Nigrán. O próximo destino será Expovacaciones en Bilbao, salón no que estreou chan feiral o pasado mes de maio xunto con Baiona.











