Música, premios e animación para celebrar o Entroido en Ribadumia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRibadumia
A-
A+

O Concello de Ribadumia celebrará este ano o Entroido cunha programación para nenos e maiores. Ao festival de baile infantil que se celebra este luns en Barrantes, súmase este ano a organización dun desfile de disfraces para adultos coincidindo co Enterro da Galiña.

O festival de baile infantil celebrarase este luns a partir das 17.00 horas no Centro Social de Barrantes. A pesar de que este ano pretendíase cambiar a ubicación da actividade, trasladándoa á Carballeira, finalmente será no centro social en previsión da meteoroloxía que se espera para ese día. A concellería de Cultura convida a todos os nenos a participar na festa, na que non faltarán música, agasallos, xogos e moita animación. A entrada é gratuíta.

No baile entregaranse premios entre os asistentes. Así, o xurado valorará a orixinalidade e a creatividade dos disfraces. Os premios na categoría individual serán de 30 euros para menores de 5 anos, de 6 a 9 anos e para maiores de 10 anos. No que respecta ás parellas, o premio serán 60 euros para cada tramo de idade. E en grupos, haberá un premio de 120 euros para os que estean formados por entre 3 e 5 nenos, e de 200 euros para os grupos de máis de cinco rapaces. Ademais dos premios, durante o baile tamén se sortearán dúas bicicletas entre todos os asistentes.

A concelleira Susana Fandiño anima a todos os nenos do concello a disfrutar dunha tarde de disfraces no Centro Social de Barrantes, “é unha tarde para disfrutar cos amigos, disfrazarse e pasalo ben. Desde o Concello de Ribadumia poñeremos todos os ingredientes para garantir que nenos e maiores disfruten o luns do entroido na Carballeira de Barrantes”.

Enterro da Galiña

Xa pensando nos adultos, o sábado día 16 terá lugar o Enterro da Galiña, que organiza a Asociación de Veciños de Barrantes coa colaboración do Concello de Ribadumia e da Asociación de Comerciantes de Ribadumia. A saída será ás 19.00 horas desde o Centro Social de Barrantes, e a comitiva percorrerá as rúas de Barrantes acompañando á “Nosa Querida Galiña”  ata chegar á Casa do Concello, onde se lle dará lectura das últimas vontades e renderlle os honores que se merece.

Ás 20.00 horas darase lectura ao Pregón do Entroido 2013, no que participarán convidados moi famosos. Este ano, como principal novidade, organizarase un concurso e desfile de disfraces para adultos, co obxectivo de animar a todos os veciños a participar no entroido. O desfile dos disfrazados ante o xurado será ás 20.30 horas. Os premios outorgaranse aos disfraces máis orixinais nas categorías individual, parella e grupo. No primeiro caso, o premio será de 100 euros. A parella gañadora levará 200 euros, mentres que o grupo repartirá un total de 300 euros.

Ás 21.00 horas volverase ao Centro Social de Barrantes para dar sepultura á Difunta Galiña, acompañados pola Agrupación Músico Cultural de Ribadumia. A velada rematará ás 22.00 horas cunha cena-baile con música en directo e barra libre. As persoas que queiran asistir poden adquirir as entradas en Foto Abal, Comercial Piris e Tindaya Moda.

11 de febreiro de 2013 | 13:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.